Santiago, 1 de outubro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a poñer a disposición das explotacións gandeiras galegas o servizo de seme sexado de Xenética Fontao o antes posible.
O deputado popular Daniel Vega explicou que a empresa pública Xenética Fontao, S.A. comezou a produción en exclusiva hai seis meses de seme sexado de vacún de primeira calidade para toda España. “Este produto será producido especificamente por esta empresa nos vindeiros anos, o que determina que Galicia, como décima rexión láctea da Unión Europea, poida dispor desta tecnoloxía e avanzar na produción do leite, un produto estratéxico para o noso sector agropecuario”, apuntou.
A PARTIR DO MES DE FEBREIRO
Daniel Vega asegurou que esta iniciativa “comporta traer a Galicia a tecnoloxía de reprodución de seme sexado, que permite seleccionar o sexo da descendencia, proporciona autonomía ao sector lácteo que pasa, a partir de febreiro de 2022, a producir este tipo de doses de seme na Comunidade galega”.
“Estamos a falar dun produto estratéxico para o sector lácteo, xa que cada vez é máis utilizado para a inseminación artificial por razóns de custos de produción, dado que garante ao 90 por cento a obtención de xatas de alta xenética para a reposición das seguintes xeracións”, manifestou o deputado popular.
Para rematar, afirmou que “trátase dun avance moi significativo da aplicabilidade do I+D+i, da innovación e das novas tecnoloxías ao sector gandeiro, cuxa implicación debe responder a unha maior rendibilidade, a dispoñibilidade a nivel local e un maior progreso xenético”.