Santiago, 8 de setembro de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a retomar o antes posible os traballos de elaboración do plan de dinamización e impulso da lectura en Galicia, “un documento que deberá analizar a situación actual para enfrontar os retos e as necesidades futuras para reforzar o papel do libro galego e o hábito lector entre a cidadanía, favorecer a consolidación da industria cultural, e impulsar a internacionalización do libro e da literatura galega”, sinalou o deputado popular José Luis Ferro.
Na súa intervención, Ferro lembrou que desde o ano 2019 está constituído un grupo de traballo no seo do Consello Asesor do Libro para elaborar o plan de dinamización e impulso da lectura en Galicia, “que debe contar co maior consenso posible para resultar útil e eficaz”.
MELLORA DOS SERVIZOS BIBLIOTECARIOS
“A consolidación dunha sociedade lectora debe ser un obxectivo central de calquera política cultural”, sinalou o deputado popular. Neste sentido, engadiu que “para avanzar neste Camiño, o Goberno galego está a impulsar a mellora dos servizos bibliotecarios, a través da rede de bibliotecas públicas de Galicia e das bibliotecas escolares; traballando coas organizacións sectoriais do ecosistema do libro e da lectura; e favorecendo o labor das empresas editoras e das librerías de Galicia”.
Para rematar, José Luis Ferro considerou “fundamental que os concellos e as deputacións apoien a configuración de servizos centrados na dinamización da lectura, centrándose no apoio aos municipios de menor tamaño e con poboación máis dispersa para dotalos de servizos de calidade”.