Santiago, 19 de febreiro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta a elaboración dun plan preventivo de incendios forestais para o 2021 que aglutine todas as accións necesarias para minimizar os riscos de incendios e aumentar a resiliencia do territorio galego.
“É preciso adiantarnos e levar a cabo as accións necesarias co tempo suficiente e nos prazos previstos”, sinalou o deputado popular José Antonio Armada.
Na súa intervención, Armada considerou “necesario continuar actuando sobre o territorio para anticiparnos aos lumes, con traballos silvícolas preventivos, coa creación e mellora de infraestruturas de defensa, e con intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións”. “Sempre buscando o incremento do valor do noso monte, incidindo sobre todo na defensa das vivendas fronte ao lume”, indicou.
GARANTIR A SEGURIDADE
“Garantir a seguridade é primordial, tanto para o territorio como para as persoas e os seus respectivos bens”, asegurou o deputado popular, quen incidiu que “investir en prevención é investir en seguridade”. En concreto, referiuse a tarefas preventivas como a roza manual, a roza mecanizada con apeiro arrastrado, a roza mecanizada de brazo, mantemento de puntos de auga, mantemento de pistas, queimas controladas ou labores silvícolas, entre outras.
Desta xeito, o deputado popular considerou “inescusable a posta en marcha dun Plan de Prevención por parte da Consellería do Medio Rural que inclúa todas aquelas actuacións encamiñadas a eliminar os potenciais riscos que poidan ser orixe dos lumes e da súa propagación para, en caso de producirse, se minimicen os danos causados”.
Este plan inclúe medidas que redunden nun incremento do valor do monte, como a regulación do uso do lume, a acción sociolóxica e de educación ambiental, os sistemas de alerta preventiva, a silvicultura preventiva, a creación e mellora de infraestruturas de defensa, e accións de mellora da xestión forestal e das súas producións.
MELLORAR O PLAN DO PASADO ANO
José Antonio Armada dixo que “o obxectivo é levar adiante un plan preventivo que mellore as accións realizadas co plan desenvolvido o pasado ano, cunha afectación moi positiva sobre o terreo, minimizando os riscos por medio dunha planificación organizada de diversas actuacións preventivas”.
O plan preventivo do 2020, que contou cun investimento de 30,5 millóns de euros, supuxo a realización de actuacións en cerca de 46.000 hectáreas de superficie, coa xestión da biomasa de case 5.800 quilómetros de pistas e estradas, a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento de 3.207 puntos xa existentes. “Estes labores son os que hai que remarcar nestes 2021, ferramentas útiles e necesarias, sobre todo de cara á principal causa dos incendios forestais: a intencionalidade”, engadiu o deputado popular.