14 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a promover, en liña coa Alianza Europea por un Hidróxeno Limpo, unha alianza estratéxica para impulsar toda a cadea de valor da industria galega en torno ao hidróxeno renovable.
A viceportavoz popular Marta Nóvoa sinalou que “o hidróxeno verde xogará un papel fundamental no actual proceso de transición enerxética no que está inmerso o mundo enteiro” e apuntou que “en España, en xeral, e en Galicia, en particular, vai permitir a diminución da dependencia do exterior”.
Entre os usos finais do hidróxeno verde figuran o seu uso como combustible, como vector enerxético ou como materia prima da industria. Por este motivo, a viceportavoz popular asegurou que “ocupa un lugar central na Axenda Enerxética de Galicia para 2030, recolléndose de xeito específico a creación dun hub co obxectivo de producir máis de 100.000 toneladas de hidróxeno verde e aproveitar este vector estratéxico en favor do impulso de cadeas de valor industrial innovadoras na Comunidade galega”.
MOMENTO OPORTUNO
Marta Nóvoa salientou as “condicións favorables” de Galicia para producir enerxía renovable e ser unha rexión de referencia internacional en hidróxeno verde. En concreto, dixo que a Comunidade galega conta cunha gran dispoñibilidade de recurso hídrico; cun amplo ecosistema de innovación e investigación; cun tecido empresarial diverso e con capacidade; con alta produción de enerxía renovable; e cunha posición xeográfica destacada.
“É o momento oportuno para impulsar un pacto estratéxico que desenvolva unha estratexia de colaboración público-privada para a creación dun ecosistema de hidróxeno en Galicia, que impulse e favoreza toda a cadea de valor do hidróxeno renovable desde a produción de hidróxeno verde, o seu consumo, a fabricación de compoñentes, o almacenamento enerxético e o fortalecemento de todo o ecosistema de I+D+i”, manifestou.
Na actualidade, Galicia incluíu cinco iniciativas na listaxe de proxectos que pasaron a primeira fase de admisión no programa de axudas do PERTE Hidróxeno Verde, das que tres xa recibiron o visto bo do Goberno central: o proxecto H2 Pole de Reganosa e EDP Renovables; o proxecto Julio Verne da Autoridade Portuaria de Vigo; e o proxecto Green Umia de Foresa e Iberdrola en Caldas de Reis.