14 de xuño de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a realizar un proceso asistencial integrado (PAI) da abordaxe da fraxilidade osteomuscular e a enfermidade da osteoporose, que homoxeneice a asistencia e a prevención deste proceso, integrando acciones en atención primaria e atención hospitalaria para estandarizar os coidados destas persoas e tendo en conta as necesidades específicas para o súa prevención e tratamento.
A portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo, explicou que a osteoporose “é unha enfermidade crónica e progresiva que provoca que os osos sexan máis porosos, máis fráxiles, débiles e con maior propensión a fracturarse cun traumatismo mínimo”. Ademais, dixo que é unha enfermidade asintomática na maior parte dos casos ata que se produce esa primeira factura.
ESCASO COÑECEMENTO
“Estamos a falar dunha das enfermidades que afecta a máis persoas a medida que envellecen e que, ademais, ten unha prevalencia maior no xénero feminino”, manifestou. En concreto, o 22,5 por cento das mulleres e o 6,8 por cento dos homes maiores de 50 anos teñen osteoporose en España.
Encarna Amigo indicou que “o escaso coñecemento da osteoporose como factor de risco de facturas conleva que catro de cada cinco pacientes non relacionen a súa fractura con esta enfermidade”. Así, o 80 por cento das persoas que tiveron, polo menos, unha fractura por fraxilidade carece de diagnóstico, non son correctamente identificadas e, por tanto, non reciben o diagnóstico nin o manexo posterior que deberán.
“A comunicación entre atención primaria e atención especializada para o seguimento e tratamento das fracturas por fraxilidade e da súa enfermidade subxacente, a osteoporose grave, resulta esencial para axilizar e contribuír á mellora da calidade asistencial do paciente”, dixo a portavoz popular, quen incidiu que “os profesionais da atención primaria desenvolven un papel clave na detección temperá de potenciais pacientes con alto risco a sufrir fracturas por fraxilidade ou novos episodios tras unha primeira factura”.
Por este motivo, Amigo considerou “preciso mellorar tanto a diagnose precoz como o seu tratamento unha vez diagnosticada esta enfermidade, co fin de aumentar a efectividade das actuacións clínicas a través dunha maior coordinación e garantía de continuidade asistencial”.