Santiago, 21 de novembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central para que esixa a Renfe que desista de implantar calquera modificación que represente un incremento no tempo da viaxe ou unha diminución do confort dos viaxeiros no tren nocturno que une Galicia con Barcelona, ao tempo que leve a cabo actuacións de mellora nas conexións entre Galicia e Barcelona, tanto nas frecuencias como na duración da viaxe e no confort dos viaxeiros.
A deputada popular Julia Rodríguez sinalou que, fronte á denuncia feita polo sindicato CGT de que Renfe vai utilizar vagóns e trens de menor calidade e confort, “as explicacións que se van dando polos responsables ferroviarios son moi vagas, moi xenéricas e pouco concretas”. Deste xeito, expresou a súa inquedanza pola “continua falta de interese do Goberno de Pedro Sánchez para asuntos cruciais relacionados coas infraestruturas de Galicia, con agravios, incumprimentos e bloqueos constantes”.
MUDAR TANTO LOCOMOTORAS COMO VAGÓNS
Julia Rodríguez lembrou que “recentemente tivemos coñecemento de que Renfe está a desenvolver unha serie de probas dirixidas a substituír o material rodante da liña Galicia-Barcelona, mudando tanto as locomotoras como os vagóns do tren hotel que comunica Galicia coa cidade condal”. “Deste xeito, estaríase considerando a posibilidade de substituír as actuais máquinas por locomotoras de mercadorías, sen capacidade para xerar electricidade para abastecer os vagóns de climatización e luz, e a todas luces mais lentas que as que están operando na actualidade”, concretou.
“Recorrer a locomotoras de mercadorías como as que se están probando representaría un importante retroceso nos tempos da viaxe, por ser locomotoras mais lentas que as que se empregan na actualidade, ao tempo que imposibilitaría a futura circulación desta composición pola liña de alta velocidade entre Zaragoza e Barcelona, debendo facelo pola liña convencional, con outro tipo de tráfico, mais lenta e de peor trazado”, engadiu.
A deputada popular manifestou, ademais, que “estes vagóns cos que se están a facer as probas pertencen a unha serie Talgo mais antiga, con elementos menos confortables que os que se empregan na actualidade”
“A adopción destas medidas representaría un retroceso na confortabilidade e nos tempos da viaxe dunha composición, que pola súa configuración de longa distancia, debe aspirar a mellorar a súa comodidade e a reducir os tempos da viaxe, e non todo o contrario, como resultaría dos cambios que pretende levar a cabo Renfe”, sinalou Rodríguez.