O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, co voto en contra de BNG e do PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se esixe ao Concello da Pobra do Caramiñal e á Dirección Xeral de Costas do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a asunción das responsabilidades polos vertidos detectados na Ribeiriña, para o que é necesario a adopción urxente das medidas necesarias para corrixir as deficiencias que os provocan e evitar novos episodios contaminantes. En concreto, pídese ao Goberno central que axilice o plan de investigación e que antes do 18 de xullo presente o seu informe final, xa que a partir dos resultados obtidos, se determinaran as actuacións a seguir.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, afirmou que a responsabilidade das verteduras recorrentes que se están a producir na contorna da Ribeiriña na Pobra do Caramiñal “é do Concello e da Dirección Xeral de Costas do Goberno de España, así como da empresa Tragsa, que foi quen fixo a obra”.
NEFASTOS PARA A XESTIÓN
“O que podía quedar ben, como cando o Partido Popular fixo en Ribeira unha obra de rexeneración na antiga fábrica de salazón en Castiñeiras, o cuatripartito de esquerdas que goberna A Pobra demostrou que son nefastos para a xestión: fixeron a obra sen descontaminar o chan de Onza de Ouro, como era a súa obriga e, nunha obra que custou tres millóns de euros, nin sequera deixaron luces no paseo”, lamentou o portavoz popular.
Así mesmo, afirmou que “o que podía ser unha obra marabillosa, acabou por converterse nun pesadelo, xa que a eliminación de parte do recheo que existía sen a descontaminación do solo, está provocando que as filtracións do gasoil cheguen directamente ao mar”.
Miguel Fidalgo incidiu que “o único que busca o cuatripartito de esquerdas da Pobra é ocultar o abandono no que teñen a zona e tapar a súa lamentable xestión buscando culpables na Xunta, que non tivo nada que ver neste problema pero que abriu de inmediato unha investigación e está a poñer medidas para evitar males maiores”.