Santiago, 29 de abril de 2021.- O Parlamento galego volveu insistir hoxe, a través da aprobación dunha proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do PSdeG e a abstención do BNG, na demanda ao Goberno central para que acometa canto antes os cambios normativos necesarios na lexislación orgánica en materia de saúde pública para poder actuar ante a pandemia da Covid-19 con plenas garantías e seguridade xurídica.
“Todos os españois quedaremos desamparados ante a inacción dun Goberno de España que se nega a dotar ás comunidades autónomas dun marco xurídico estable, claro e con garantías para afrontar a pandemia”, lamentou o viceportavoz do Grupo Popular, Miguel Tellado.
Na súa intervención, Tellado afirmou que “unha reforma da lexislación nacional permitiría aclarar máis os conceptos, restrinxir a arbitrariedade dos gobernos e facilitar a revisión xudicial”. “Este foi o obxectivo da reforma da Lei de saúde de Galicia: asegurar unha actuación da Xunta proporcionada e garantir a seguridade xurídica e o respecto aos dereitos dos cidadáns”, indicou.
“O Goberno galego non pode ser tan irresponsable como o Goberno central e vai loitar porque esa lexislación exista e se o Goberno de Pedro Sánchez levouno ante o Tribunal Constitucional, que se pronuncie”, sinalou.
RIDÍCULO DOS SOCIALISTAS GALEGOS
O viceportavoz popular afirmou que o pronunciamento deste tribunal “só pode deixar en ridículo ao PSdeG, porque se falla a favor de que isto se pode regular por lei autonómica demostra a súa absoluta deslealdade coa cidadanía de Galicia, opoñéndose a que teñan unha lexislación que os ampare; pero se falla dicindo que isto só se pode regular por lei orgánica demostra que o Goberno de España tiña a obriga constitucional de facer esa regulación e decidiu, deliberadamente, non facelo despois de ter comprometido que o faría”.
“Nós temos a conciencia tranquila porque procuramos por todos os medios darlle á cidadanía galega un marco xurídico garantista co que afrontar a saída do estado de alarma, pero BNG e PSdeG cargarán coa responsabilidade de telo impedido, negándose a impulsar a reforma da lexislación estatal que é necesaria e sumándose ao boicot á lexislación galega que pretendía suplir ese baleiro deixado polo Goberno de Pedro Sánchez”, concretou.