Santiago, 24 de xaneiro de 2018.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a seguir desenvolvendo accións para por en común con outras rexións e flotas pesqueiras as experiencias e coñecementos obtidos en torno á problemática dos descartes pesqueiros, con especial atención á súa refundición e transmisión das demandas á Comisión Europea de cara á adaptación da normativa.
Teresa Egerique explicou que o artigo 15 do regulamento europeo que vela pola conservación dos recursos biolóxicos mariños e tamén por unha axeitada xestión das pesquerías dedicadas á explotación recolle a obriga de desembarque de todas as capturas realizadas por unha embarcación, incluso aquelas non desexadas.
ALMACENAR E MANTER NO BARCO
Deste xeito, coa prohibición dos descartes todas as capturas de poboacións suxeitas a límites de capturas efectuadas durante as actividades pesqueiras en augas da Unión Europea, deberán almacenarse e manterse a bordo dos buques pesqueiros, así como rexistrarse, desembarcarse e imputarse ás correspondentes cotas cando proceda, de conformidade co calendario establecido.
“A Xunta e o PPdeG sempre defendemos a necesidade de evitar progresivamente os descartes de pesca en base a estudos rigorosos feitos especie por especie, caladoiro por caladoiro, e buscando outras alternativas de pesca”, sinalou deputada popular.
Máis en concreto, avogou por “solicitar máis flexibilidade na aplicación da prohibición dos descartes, porque non debemos esquecer que os nosos intereses non son os mesmos que os dos países do norte e temos que facer valer a nosa posición, buscando sinerxias e puntos de encontro con rexións con posturas semellantes para despois defendelas en Bruxelas”.
INCREMENTO DE COTAS
Neste sentido, apuntou que “entre as medidas de flexibilidade que se propoñen dende Galicia ante esta prohibición figuran o alugueiro ou a compra de cota e o incremento de cotas para achegarse á composición das capturas; así como o establecemento dunha reserva comunitaria de capturas accidentais de cotas de pesca ou o uso de artes selectivas”.
Egerique sinalou que “desde Galicia estase a traballar tanto no Comité das Rexións como na Comisión de Rexións Periféricas e Marítimas ou a través da Conferencia do Arco Atlántico, labor que cómpre seguir reforzando para compartir os coñecementos a prol de superar esta difícil situación”.