Santiago, 24 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta de Galicia a continuar desenvolvendo o Plan Emprega Xuventude actual, nomeadamente no referente á posta en marcha dos programas de impulso á contratación e á inserción laboral do colectivo xuvenil.
O deputado popular Adrián Pardo salientou que “a Xunta contempla á mocidade como un obxectivo prioritario nas políticas activas de emprego, e por iso desenvolve medidas orientadas especificamente aos máis novos”. Froito destas accións, destacou que o número de ocupados menores de 30 anos aumentou no último ano case un 10 por cento, ao tempo que a taxa de paro neste grupo de idade baixou case un 30 por cento.
INCORPORACIÓN AO MERCADO COMPLICADA
“Porén, estes datos non nos fan caer no triunfalismo ou no conformismo, porque seguimos pensando que a incorporación no mercado laboral das mozas e mozos é especialmente complicada, e que moitos non teñen a oportunidade de traballar no que realmente lles gusta”, sinalou.
Adrián Pardo afirmou que o Plan Emprega Xuventude “configúrase como unha fórmula integral e eficaz para atallar os principais retos dos máis novos, e permitirá mellorar o axuste entre a oferta e a demanda de emprego en Galicia, concretamente entre os mozos e mozas con baixa cualificación, pois son os que máis dificultades atopan á hora de incorporarse ao mercado de traballo”.
O Plan Emprega Xuventude promoverá ao longo do presente ano 2022 actuacións destinadas especificamente á xuventude cun total de 51,8 millóns de euros, dirixidos a impulsar a formación e a contratación da mocidade galega. En concreto, neste momento xa están en marcha programas como “Primeira experiencia na Administración”, a través do que se mobilizan 11,2 millóns de euros para que se formalicen contratos en prácticas con menores de 30 anos; ou o “Investigo”, que conta con máis de 13 millóns de euros para a contratación de 600 mozos e mozas na investigación no ámbito sanitario, na transición ecolóxica, na economía verde, na dixitalización e no big-data.