Santiago, 19 de xaneiro de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a establecer un procedemento de avaliación do interese agrario para efectuar as reestruturacións de terras, ao tempo que neste proceso se teñan en conta as aportacións das persoas interesadas.
O portavoz do Medio Rural, José González, lembrou que para o inicio dun proceso de mellora territorial agraria nunha zona “é necesario acreditar, con carácter previo, que se cumpre algún dos requisitos necesarios para acadar os obxectivos xerais que se establecen na Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia”.
MELLORAS AS CONDICIÓNS DAS EXPLOTACIÓNS
En concreto, o obxectivo é mellorar as condicións estruturais, técnicas e económicas das explotacións agrarias en Galicia, de acordo con criterios de ordenación axeitada e sustentable delas e dos seus cultivos e aproveitamentos, baixo a perspectiva da súa utilidade económica e social, co fin de fixar poboación no medio rural para facer rendible a actividade produtiva.
José González asegurou que “un dos instrumentos básicos na reestruturación das terras agrarias é a concentración parcelaria”. Deste xeito, na actualidade están en proceso de reestruturación parcelaria 129 zonas en Galicia, cunha superficie que se achega aos 115.000 hectáreas e que suporán un investimento aproximado de 80 millóns de euros.
“O obxectivo é rematar estes 129 zonas activas, pero ao mesmo tempo empezar a traballar en novas zonas agro-gandeiras, hortícolas, vitícolas e forestais”, apuntou o portavoz popular. De feito, está previsto que a Xunta de Galicia decrete 31 novas zonas de reestruturación, algunha de carácter privado ou forestal, sempre e cando os informes de viabilidade de acordo coa lexislación sexan positivos.