Santiago, 26 de marzo de 2021.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, sen o apoio de BNG e PSdeG, a través da que se insta á Xunta a iniciar un proceso de participación e diálogo co tecido artístico e cultural e coas entidades locais de Lugo e Vigo para avanzar no proxecto de creación de sedes do CGAC nestas cidades.
“Estas dúas novas sedes permitirán crear novos espazos culturais de referencia en áreas emblemáticas das cidades; favorecerá un contexto de estímulo para a creatividade artística local; e xerará sinerxias entre as programacións das diferentes sedes do CGAC en Galicia”, concretou a deputada popular Teresa Egerique.
Na súa intervención, Egerique sinalou que o Goberno galego esta proposta “está en liña cos obxectivos básicos da Estratexia da Cultura Galega, polo que consideramos positivo que se inicie un proceso de participación e diálogo co tecido artístico e cultural, e coas entidades locais de Lugo e Vigo, para avanzar no proxecto de creación de sedes do CGAC en ambas cidades”.
ESPAZO PÚBLICO DE REFERENCIA
“O CGAC constitúe o espazo público de referencia para a conservación, difusión e creación artística contemporánea de Galicia, e será positivo estender todo o seu potencial a través dun proceso de descentralización en Lugo e Vigo”, sinalou a deputada popular.
Teresa Egerique apuntou que estas dúas novas sedes “contribuirán a dinamizar a programación cultural destas cidades, a través das súas instalacións na barrio do Berbés en Vigo e no Pazo de Dona Urraca, no Barrio da Tinería en Lugo”.