Santiago, 21 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a realizar os estudos pertinentes que permitan determinar se a colección de sambenitos da catedral de Tui posúe valor sobranceiro, tal e como se establece na Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, como paso necesario para poder iniciarse un expediente de incoación de Ben de Interese Cultural (BIC).
O deputado popular Moisés Rodríguez manifestou que “a protección e conservación destes sambenitos, aínda que estean depositados no Museo Diocesano, precisa dun paso máis, como é a súa declaración como BIC, de cara á súa restauración, estudo e divulgación, xa que estamos perante unhas pezas que non só afectan aos galegos e galegas, senón tamén ás comunidades sefarditas na diáspora, xa que os sambenitos de Tui conectan con esas familias xudeoconversas que, fuxindo da inquisición, se asentaron noutros lugares de Europa levando consigo a súa lingua, tradicións e memoria”.
PEZAS ÚNICAS EN EUROPA
“Esta colección de sambenitos do século XVII procedentes da Catedral de Tui son unhas pezas únicas en Europa e resultan a principal expresión patrimonial da presenza de comunidades sefardís ou criptoxudías, tamén chamados tamén cristiáns novos en Galicia”, apuntou.
Moisés Rodríguez explicou que os sambenitos “son o produto da penitencia imposta polo Santo Oficio a individuos que se afastaban da doutrina católica, manifestando a herexía. Despois dun longo proceso, o hábito o lenzo público convertíase nun dos castigos mais habituais, acompañando a outras penas como a prisión, a confiscación dos bens ou a morte.
Na actualidade, os sambenitos da catedral de Tui expostos no Museo Diocesano desta cidade forman un grupo de cinco lenzos, nos que figuran 14 nomes de 13 mulleres e un home. Formarían parte dun grupo maior, probablemente de máis de 40 individuos, que se perderon no século XIX.