Santiago, 28 de xuño de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo dun acordo entre o Grupo Popular e En Marea, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que garanta, no ámbito das súas competencias, que as exhumacións, recoñecidas dentro do marco dos dereitos humanos, se realicen de conformidade co protocolo aprobado polo Estado. Así mesmo, pídese que se aplique a Lei da Memoria Histórica, en canto fai referencia expresa á identificación das fosas; e que as familias ou asociacións correspondentes poidan recibir apoio institucional para a localización, exhumación e identificación das vítimas.
O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos reiterou “a condena do PPdeG a calquera forma de ditadura, e especial e nomeadamente á franquista, e o noso compromiso cos valores democráticos recollidos na Constitución Española de 1978”.
Así mesmo, manifestou “o noso respecto polo grupo de traballo sobre desaparicións forzosas e involuntarias da ONU, un respecto crítico que non supón aceptar todas as súas valoracións, xa que existen algunhas discrepancias que xa foron explicitadas nos comentarios ao informe remitidos polo Goberno de España”.
CUMPRIMENTO DA RESOLUCIÓN APROBADA NO DEA
Alberto Pazos lembrou que no último Debate sobre o Estado da Autonomía aprobouse unha resolución, cos únicos votos favorables do Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a consensuar e coordinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa Administración xeral do Estado as actuacións encamiñadas a facilitar ás familias de vítimas da guerra civil e da represión franquista a localización, exhumación e traslado, si procede, dos restos mortais dos seus familiares.
Deste xeito, manifestou que “imos a manternos vixiantes aos avances da Xunta respecto ao cumprimento desta resolución e traballar desde o convencemento de que se poden abrir foxas sen necesidade de reabrir feridas”. “Só precisamos unha mellor conxuntura económica e un pouco de empatía para comprender a realidade dos que continúan a sufrir a ausencia dun ser querido ao que dar digna sepultura, así como a vontade de que a memoria sexa unha ferramenta para evitar erros do pasado e non unha escusa para confrontacións futuras”, apuntou.