Santiago, 7 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a continuar prestando apoio aos creadores e creadoras culturais mediante a elaboración dun plan que afonde neste ámbito.
“Parécenos fundamental afondar no apoio á creación cultural, un ámbito clave e estratéxico porque os creadores son a base sobre a que se sustentan os sectores culturais, pois son o primeiro eslavón dunha cadea de valor”, apuntou a deputada popular Elena Suárez Sarmiento.
Na súa intervención, Suárez Sarmiento considerou que “é o momento de encadrar o apoio da Xunta ao ámbito da creación no marco dun plan específico que conte cunha análise da situación actual, das debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades da cultura e a creación, uns obxectivos claros e, por suposto, con medidas destinadas ao apoio á creación nos distintos subsectores culturais”.
INICIATIVAS XA EN MARCHA
“Esta análise traballarase posteriormente coas institucións culturais, con todo o sector e con todos os subsectores, ata chegar a un documento consensuado que sexa unha ferramenta útil para os e as creadores de Galicia”, indicou.
A deputada popular lembrou que a Xunta “ten posto en marcha importantes iniciativas de apoio á creación na cultura ao longo destes anos”, facendo especial referencia ao programa de residencias artísticas no Gaiás (Rega). “Estamos a falar dunha iniciativa de impulso á creación artística a través da que se poñen a disposición dos artistas participantes os recursos da Cidade da Cultura co obxectivo de que desenvolvan novos proxectos culturais ao tempo que fan avanzar ao Gaiás no seu papel como faro de creación, xerando sinerxias positivas”, apuntou.
“En definitiva, o proxecto de residencias artísticas no Gaiás pretende converter á Cidade da Cultura nun viveiro creativo que apoiará a produción cultural en Galicia en áreas como a música, a escena, a danza, as artes performativas e visuais, e a literatura”, dixo Elena Suárez.