Santiago, 20 de abril de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central e á Comisión Europea a análise de medidas de protección do marraxo dientuso que non leven ao quebranto económico da flota e que teñan en conta todas as medidas de xestión sostible que as diferentes organizacións rexionais de pesca e a Unión Europea teñen adoptado en favor desta especie.
O deputado popular Alberto Pazos lembrou a aprobación por unanimidade hai unhas semanas dunha proposición non de lei no Parlamento galego que reclamaba unha solución urxente ao bloqueo da comercialización das capturas de marraxo. “Desgraciadamente, o Goberno de España non fixo nada desde entón por solventar os problemas que as súas decisións están a causar na flota palangreira galega, porque o bloqueo da venda de 90 toneladas de marraxo dientudo é unha decisión exclusiva do Goberno de Pedro Sánchez, a pesar de tratarse de capturas autorizadas polo Ministerio e compren o TAC autorizado internacionalmente”, apuntou.
FACERSE CARGO DOS PREXUÍZOS AOS PALANGREIROS
Pazos lamentou que “o Goberno de España está a manter unha actitude contemplativa nun grave problema da frota galega do que é o único responsable, porque non existe un so argumento científico que avalíe o bloqueo de vendas de marraxo capturado”.
“O Goberno de Pedro Sánchez debe facerse responsable dos prexuízos causados aos palangreiros galegos, e iso pasa por autorizar o desbloqueo do marraxo capturado, compensar os gastos causados polo bloqueo e garantir a xestión sostible do marraxo, compatibilizando a supervivencia da especie e da flota, sen restrinxir a comercialización de capturas por debaixo da cota autorizada pola Unión Europea”, afirmou.