O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Goberno central que apoie a continuidade do diálogo de alto nivel entre a Unión Europea e Noruega en materia de pesca, realizando as xestións oportunas para a aprobación da reforma iniciada pola Comisión Europea do Regulamento 1026/2012, que permite adoptar medidas contra
aqueles países que non realizan unha pesca sostible.
A deputada popular Magdalena Pérez lembrou que “as relacións pesqueiras entre a Unión Europea e países terceiros, como é o caso de Noruega, son determinantes para garantir oportunidades económicas para as flotas comunitarias”. Neste sentido, apuntou que Noruega é un dos principais exportadores de produtos pesqueiros á Unión Europea, representando, aproximadamente, o 26 por cento das importacións de peixe no mercado europeo, polo que “a colaboración pesqueira entre ambas partes é estratéxica, non só por razóns económicas, senón tamén pola necesidade de preservar a sustentabilidade das pesqueiras no Atlántico Norte e no océano Glacial Ártico, especialmente en caladoiros clave como o de Svalbard”.
PROTEXER OS INTERESES DA FROTA EUROPEA
Magdalena Pérez lamentou as decisións unilaterais adoptadas por Noruega nos últimos anos que prexudicaron severamente á frota da Unión Europea, como a redución unilateral da cota do bacallau, o incremento nun 55 por cento da cota de xarda ou a restrición do acceso dos buques da Unión Europea ás augas do arquipélago de Svalbard. “Todas estas accións dificultan o consenso e complican as medidas conxuntas que buscan a sustentabilidade dos recursos mariños compartidos, xerando tensións coas políticas da Unión Europea no ámbito da pesca”, dixo.
Diante desta situación, a deputada popular indicou que a Unión Europea conta cun marco legal, o Regulamento 1026/2012, que establece medidas para afrontar conflitos con terceiros países que autorizan prácticas de pesca non sostibles. “En 2024, a Comisión Europea propuxo unha reforma deste regulamento para dar unha resposta máis áxil e efectiva fronte a casos como o de Noruega, protexendo así os intereses da frota europea e, particularmente, da frota galega”, recordou.
A deputada popular demandou avanzar na reforma urxente deste Regulamento europeo porque “manterse de brazos cruzados supón un risco para a sustentabilidade a longo prazo das pesqueira comprometidas; perdas económicas considerables para os pescadores europeos e, singularmente, galegos; e a diminución do peso negociador da Unión Europea fronte a terceiros países, como o Reino Unido, que observa de preto estas interaccións para os futuros acordos”.