28 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, que non contou co apoio de BNG nin de PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que defenda ante as institucións comunitarias o establecemento dun continxente arancelario autónomo de lombos de atún de 55.000 toneladas ao 0% do arancel para o próximo período 2024-2026.
“O establecemento dun continxente mal dimensionado poñería en perigo os 12.000 postos de traballo que a industria transformadora xera en Galicia e, en última instancia, dificultaría a oferta e dispoñibilidade no mercado de produtos nutritivos para os consumidores”, sinalou a deputada popular Ana Belén García Vidal.
Na súa intervención, García Vidal lembrou que “Galicia é a segunda potencia mundial, tras Tailandia, en conservas de atún, polo que os lombos desta especie son unha materia prima esencial para o mantemento da actividade das plantas conserveiras, xeralmente localizadas en zonas dependentes da pesca que, sen a dita actividade, verían damnificada a súa cohesión social”.
SUBMINISTRACIÓN AXEITADA
Deste xeito, considerou “de vital importancia garantir unha subministración axeitada de materia prima á industria de transformación que asegure a súa resiliencia e desenvolvemento sostible”. Así, e para determinar o establecemento dunha cantidade concreta de lombos de atún, desde o sector tiveron en conta varios factores, como as tendencias pasadas e actuais, a evolución e perspectivas de mercado e comercio, o valor engadido, a sustentabilidade e as preferencias comerciais.
Así, e tendo presente que neste momento está en elaboración a proposta do novo regulamento comunitario que establecerá os continxentes arancelarios da Unión Europea para determinados produtos da pesca no período 2024-2026, Ana Belén García dixo que “o sector apunta que unha cifra axeitada estaría nun continxente arancelario de lombos de atún de 55.000 toneladas ao 0% de arancel para este período de tempo”.
“Estamos a falar dun continxente de lombos de atún cunha taxa de utilización do 100 por cento, unha materia prima esencial para o mantemento da actividade das plantas conserveiras de Galicia e de toda a Unión Europea”, incidiu.