O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a potenciar a investigación no eido da medicina xenómica co establecemento de acordos de investigación con outras entidades, preferentemente de carácter publico, que permitan xerar un valor engadido en materia de detección precoz ós traballos realizados pola Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica.
“Defendemos que coa extensión dos cribados, unido aos estudos de xenómica, podemos acadar a vangarda na investigación sanitaria, permitindo o descubrimento temperá de xenes, enfermidades e dianas terapeúticas, á vez que o desenvolvemento de fármacos guiados pola xenética”, manifestou a portavoz popular de Sanidade, Encarna Amigo.
MULTIPLICAR A CAPACIDADE
Para chegar a este obxectivo, Encarna Amigo apuntou que “hai que multiplicar a capacidade de análise, desde a ampliación de recursos da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica e tamén facilitando a súa colaboración con outras entidades de investigación que apoien ao equipo do doutor Carracedo no procesado e explotación de todos os datos xenéticos”.
A portavoz popular explicou que “un dos maiores retos das enfermidades complexas foi a xeración de perfís xenómicos que permitan establecer a relación entre os cambios xenéticos e o comportamento clínico e terapéutico”. Así, os estudos de medicina xenómica achegan a posibilidade de atopar un locus que identifique a heredabilidade en enfermidades complexas, tanto nas características propias dun xen como cuantitativamente ao considerar número de copias, amplificacións e delecións do xen.
Galicia conta desde 1998 coa Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, un referente a nivel europeo no seu campo. “A aposta da Xunta por esta entidade é clara é decidida, e mostra disto é o aumento de recursos que recibe, pasando de 3,4 millóns de euros en 2020 a 7 millóns no presente ano, o que supón un incremento de máis do 100 por cento”.
A Fundación de Medicina Xenómica proporciona servizos de diagnóstico para todos os hospitais da rede do Servicio Galego de Saúde, tanto para diagnóstico prenatal, enfermidades xenéticas, farmacoxenética, enfermidades raras, oncohematolóxicas ou o cancro de liña xerminal. “Isto é unha fortaleza e outorga unha situación de liderado a Galicia en materia de medicina xenómica, ao ser a única comunidade autónoma que optou pola centralización destes servizos”, salientou.