24 de febreiro de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta que analice o caso da desaparición das dúas esculturas do mosteiro de San Lorenzo de Carboeiro có obxectivo de restituír estes bens ao patrimonio cultural de Galicia.
“Somos optimistas sobre a posibilidade de recuperar estas pezas que, segundo as investigacións publicadas polo historiador Francisco Prado, foron espoliadas no pasado século deste mosteiro e están nun museo de Cataluña”, sinalou o deputado popular José Luis Ferro.
Na súa intervención, Ferro lembrou que o mosteiro de Carboeiro “sufriu moitas vicisitudes ao longo dos seus once séculos de existencia”, pero concretou que foi a partir do ano 1835, coa desamortización de Mendizábal, cando realmente comezou o abandono e espolio deste cenobio”.
CARTAS QUE PROBARÍAN A SUBSTRACCIÓN
Unha recente investigación, liderada polo historiador Francisco Prado Villar, apunta cara un posible espolio de varias pezas integrantes do ben que actualmente se atopan emprazadas no Museo Frederic Marès de Barcelona: un Cristo en Maxestade e unha talla con símbolos dos evanxelistas San Lucas e San Xoán. A aparición de diversas cartas no Arquivo de Galicia e o Arquivo Xeral da Administración poderían probar a subtracción ilegal destas dúas esculturas da igrexa.
“A partir do coñecemento destas cartas, a Consellería de Cultura púxose en contacto tanto co Museo Frederic Marès como co Concello de Barcelona para trasladar os feitos e solicitar información sobre como chegaron as pezas ata as instalacións deste centro cultural catalán”, indicou o deputado popular.
Neste sentido, Ferro manifestou que “todas as partes amosaron boa dispoñibilidade para devolver as pezas se, como todo parece, a saída destas obras de arte non fora lega”, pero apuntou que “a día de hoxe aínda estamos agardando pola documentación que tanto desde o museo como desde o Concello se comprometeron a trasladar o antes posible”.