Santiago, 9 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, logo de que o PSdeG aceptara a emenda do Grupo Popular, unha proposición non de lei a través da que se insta á Xunta a aprobar a declaración ante a emerxencia climática en Galicia, así como a revisar a Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050 e implicarse activamente no Pacto Verde europeo e nos obxectivos de redución do 55 por cento dos gases de efecto invernadoiro.
A portavoz popular de Medio Ambiente, Marisol Díaz Mouteira, avogou por “defender e apostar pola acción climática, que é a expresión máis actualizada e eficaz para definir a loita contra o cambio climático”. Así, lembrou “as medidas tanxibles e comparables” levadas a cabo pola Xunta nos últimos anos e que amosan o seu compromiso coa acción climática e cos retos marcados por Europa: o Plan de xestión de residuos urbanos, o Plan de residuos industriais de Galicia, a Estratexia galega de economía circular, a estratexia de cambio climático e enerxía 2050, o primeiro estudo da pegada ecolóxica de Galicia, o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento sostible e da Axenda 2030, a Lei de residuos e solos contaminados ou o Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía.
“Todo isto terá continuidade en 2022, ano no que o Goberno galego continuará avanzando na xestión moderna e eficiente dos recursos e dando pasos adiante na loita contra o cambio climático”, sinalou. Neste sentido, lembrou o compromiso avanzado pola propia conselleira de tramitar a Lei do clima de Galicia, ao tempo que se dará un impulso definitivo á Alianza galega polo clima.
XESTIÓN AXEITADA DOS RECURSOS
Así mesmo, Marisol Díaz apuntou que “un dos piares fundamentais na loita contra o cambio climático é a xestión axeitada dos recursos”, cuxo eixo fundamental será a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023, que conta cun investimento de máis de 60 millóns de euros e facilitará que 2,2 millóns de galegos dispoñan dunha planta de biorresiduos ou unha planta de transferencia a menos de 50 quilómetros da súa casa.
“Galicia mantense entre as tres comunidades que máis diminuíron as súas emisións respecto de 1990 e está case 15 puntos porcentuais por debaixo do nivel do conxunto de España”, salientou a portavoz popular, quen apuntou que en 2019 as 47 instalacións industriais galegas que participan no comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro emitiron 7,2 toneladas de CO2 menos que no ano anterior.