Santiago, 11 de outubro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España adecuar a folla de roteiro do Biogás ao potencial existente para producir este gas renovable, así como adoptar as medidas necesarias, tanto desde o punto de vista normativo como de incentivos económicos, para impulsar o desenvolvemento das plantas axeitadas para converter nunha realidade os obxectivos que se marcan na estratexia REPowerEU en relación con esta tecnoloxía, a través do impulso dunha cogobernanza real e efectiva coas comunidades autónomas.
A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, explicou que o biometano é un gas combustible de composición química e de forza enerxética similar ao gas natural, polo que pode utilizarse para os mesmos usos de calefacción ou transporte, así como tamén para producir enerxía eléctrica.
A estratexia Aforrar gas para un inverno seguro da Comisión Europea propón un plan de acción para España que supón lograr unha produción de biometano de 407 teravarios/hora (TWh) a través de incentivos para a conversión de biogás en biometano, así como para o transporte do mesmo a través da rede de gas.
“Porén, o obxectivo de 10,41 TWh establecido na folla de roteiro do Biometano presentado polo Goberno de España para 2030 dista moito da estratexia europea, e tampouco reflicte plenamente o potencia que ten este país no que se refire á capacidade de produción de biogás e biometano”, sinalou.
Marta Nóvoa apuntou que “o potencial dispoñible de España en residuos orgánicos é moi elevado debido a que a nosa actividade pesqueira xera importantes cantidades de residuos e somos tamén o primeiro país de Europa en puríns de porcino”. “A súa valorización enerxética podería chegar a cubrir o 65 por cento do consumo doméstico residencial, ou o que resultaría equivalente ao consumo anual de 4 millóns de vehículos ou ao 10 por cento do consumo total de España”, engadiu.
TERCEIRO PAÍS DA UE
Máis en concreto, e citando datos da Comisión Europea, a portavoz popular insistiu que “España é o terceiro país de toda a UE que presenta un maior potencial técnico para producir ata 137 TWh, cando a demanda de gas foi de 378 TWh en 2021, polo que os obxectivos da Folla de Roteiro do Biometano son claramente pouco ambiciosos”.
Ademais, Nóvoa sinalou que “os fondos Next Generation destinados ao impulso do biogás son claramente insuficientes para poder lograr os obxectivos que marca a Unión Europea no marco do Plan Repower Eu”.
“É preciso impulsar o desenvolvemento de infraestruturas de conexión que permitan o mallado en rede, como a conexión de Galicia coa Meseta a través do gasoduto Guitiriz-Zamora; ou a terceira interconexión con Portugal que permita a utilización destas infraestruturas como futuros hidrodutos, tendo en conta o potencial renovable de Galicia e a posibilidade de converter á Comunidade galega nun HUB de xeración de hidróxeno renovable”, rematou a portavoz de Enerxía.