O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra de BNG e PSdeG, a través da que se solicita ao Goberno de España que habilite liñas de axudas económicas e de asistencia técnica para autónomos, pequenas e medianas empresas que teñan que adaptarse ao novo sistema dixital de rexistro horario.
Ademais, pídese que inclúa ás comunidades autónomas e aos axentes sociais no proceso de elaboración e implantación do decreto, garantindo un marco pactado, realista e respectuoso coas competencias autonómicas e coa negociación colectiva. En concreto, considérase necesario axustar a entrada en vigor da norma ao disposto no artigo 23 da Lei 50/1997, de maneira que se fixe a súa aplicación o 1 de xaneiro ou o 1 de xullo posteriores á súa publicación, garantindo un período suficiente de adaptación.
A portavoz popular de Emprego, Noelia Pérez, lembrou que o Goberno de España está a tramitar, pola vía de urxencia, a reforma do rexistro horario coa intención de implantalo ao longo de 2026. “Un sistema dixital obrigatorio e accesible en tempo real para os traballadores, os seus representantes e a Inspección de Traballo, que elimina definitivamente o soporte en papel e introduce novas obrigas de control, almacenamento de datos, seguridade, trazabilidade e interoperabilidade”, apuntou.
“Desde o Grupo Popular non estamos en contra deste rexistro horario dixital, nin da transparencia e do control das xornadas, pero cuestionamos que o Goberno de Pedro Sánchez volva optar pola vía da imposición e do Real Decreto-Lei para saltarse o diálogo social, o diálogo coas comunidades autónomas e unha avaliación do impacto económico real sobre quen ten que cumprir a norma”, manifestou.
EXPERIENCIA NEGATIVA DO VERIFACTU
Noelia Pérez afirmou que “cada nova obriga imposta sen contraprestación algunha reduce a competitividade, desincentiva o emprendemento, penaliza a creación de emprego e afoga especialmente aos empresarios máis pequenos”. Por este motivo, “solicitamos ao Goberno central axudas económicas e asistencia técnica para autónomos e pequenas e medianas empresas que teñan que adaptarse ao novo sistema dixital de rexistro horario; diálogo real cos axentes sociais e coas comunidades autónomas; e unha entrada en vigor razoable que permita a adaptación real e non a improvisación”, dixo.
“Confiamos que o Goberno de Pedro Sánchez non volva facer o que fixeron co Verifactu, obrigando ás empresas a gastar na implantación deste novo sistema de facturación para retiralo unha semana antes da súa entrada en vigor, sen saber a día de hoxe como vai acabar esta cuestión”, indicou.