23 de maio de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a exercer a presión negociadora necesaria co obxecto de que se aplique á carne, ao pescado e ás conservas a rebaixa tributaria dos alimentos básicos aprobada polo Goberno central, ao tempo que consideren produtos de primeira necesidade, co fin último de estimular a demanda interna e mellorar as previsións de crecemento da economía destes sectores, evitando o prexuízo derivado da iniciativa recentemente aprobada polo Goberno de España.
Así mesmo, pídese que o Goberno central teña en conta as peculiaridades territoriais de Galicia na distribución dos fondos recollidos no Real-Decreto sobre medidas urxentes para paliar a seca e os efectos da invasión rusa de Ucraína en beneficio do sector primario, en especial a favor do vacún de carne, e rectifique os criterios de reparto para que os gandeiros galegos perciban a totalidade das axudas directas previstas.
MEDIDA DISCRIMINATORIA
A deputada popular Teresa Egerique considerou “unha medida totalmente discriminatoria co sector primario que se manteña inalterable o IVE dos produtos do mar e da carne, cando se baixaron o doutros produtos como o aceite ou a pasta”. “Sempre defendemos que os produtos básicos como os pesqueiros ou a carne deberían considerarse alimentos de primeira necesidade e acadar o IVE máis baixo, unha postura que apoian tamén o Parlamento Europeo e a Comisión Europea”, apuntou.
“A redución ou eliminación deste imposto aumentaría o consumo dos produtos do mar e do agro, cos conseguintes beneficios para a saúde dos consumidores e económicos para o sector”, manifestou a deputada popular.
Respecto das axudas para o sector vacún de carne, Teresa Egerique indicou que “o obxectivo é reforzar o compromiso da Xunta de que non se perdan explotacións de vacún de carne en extensivo pola situación insostible de incremento dos custos de produción, traballando conxuntamente no marco do grupo de traballo acordado co sector para avaliar os efectos da seca e a suba dos custos de produción”.