O Parlamento de Galicia aprobou esta tarde a proposición non de lei do Grupo Popular, que non foi apoiada polo PSdeG, a través da que se pide ao Goberno central que renuncie a calquera iniciativa dirixida a restrinxir o consumo de peixes e conservas, en particular a pretendida limitación destes alimentos nas racións dos comedores escolares, por ser contraria ás recomendacións científicas que aconsellan promover unha dieta saudable entre as persoas consumidoras, especialmente entre as xeracións máis novas.
Ademais, demándase que reconsidere a súa decisión de excluír aos peixes e mariscos da rebaixa do IVE que se aplica a outros alimentos básicos e promova accións e campañas específicas dirixidas a incentivar o consumo de produtos do mar en atención ás súas bondades nutricionais e para impulsar a actividade e ingresos do sector marítimo-pesqueiro, nun contexto de redución da demanda.
A deputada popular Dolores Hermelo lembrou que “a Organización Mundial da Saúde e varios organismos nacionais e internacionais recomendan o consumo de peixe, constatando con evidencias o gran beneficio sobre a saúde que ten, debido fundamentalmente ao seu contido en ácidos graxos e proteína magra”.
LIMITAR O CONSUMO DE PEIXE NOS COMEDORES ESCOLARES
Neste sentido, considerou que “non é de recibo que, nun ano no que todos os axentes do sector están a traballar para poder remontar os consumos de produtos da pesca, un ministro do Goberno de Pedro Sánchez estea a traballar nunha proposta normativa para limitar o consumo de peixe nos comedores escolares”. “Desde o sector, e desde entidades como pode ser Conxemar, nos avisan de que este tipo de iniciativas nas que se ataca ao consumo de produtos do mar o único que fan é danar ao sector”, apuntou.
Dolores Hermelo pediu ao Ministerio que “non sexa frívolo con este tema e se alinee cun sector que precisa ensalzar o seu valor, porque o peixe é un alimento que debe formar parte sempre de calquera dieta saudable”.
Así mesmo, a deputada popular lembrou que “desde hai ano vimos pedindo de xeito reiterado que se inclúa o peixe na excepción do IVE, porque para o Goberno de Pedro Sánchez os peixes e mariscos non son considerados un alimento esencial, polo que non se inclúen na rebaixa do IVE que si teñen as pastas e os aceites”.
“Ante a negativa do Goberno central a eliminar o IVE a peixes e mariscos, Galicia seguirá traballando no fomento do consumo de peixes e mariscos, en fresco ou en conserva a través de campañas dirixidas á promoción destes produtos, fomentando unha cultura alimenticia na que o criterio da orixe determina a calidade como factor decisivo á hora de realizar unha elección na compra”, rematou.