O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se demanda ao Ministerio de Facenda unha maior flexibilidade fiscal no IRPF e no imposto de Sociedades que permita unha mellora da xestión forestal. De xeito paralelo, pídese ao Ministerio de Economía o desenvolvemento dun plan sectorial contable para o sector forestal que permita axustar o resultado contable da actividade forestal ao real, de xeito que se tribute de forma máis xusta e de acordo coa capacidade de renda xerada, tal como establece a Constitución Española.
A deputada popular Cristina Campero manifestou que “ter unha fiscalidade que permita valorizar os investimentos e o aproveitamento do monte galego significa apostar pola produtividade territorial, que redunda nunha maior prevención contra os incendios, así como apostar pola remuda xeracional no campo”.
Cristina Campero explicou que “en España, con excepción do País Vasco e Navarra, a fiscalidade do sector forestal réxese por unha normativa común do Estado, sen que exista unha normativa sectorial e diferenciada que regule a propiedade e a actividade forestal, a pesar das súas especificidades e tendo en conta os seus ciclos de produción”.
MEDIDAS RECOLLIDAS NO PLAN FORESTAL
Neste sentido, afirmou que “a Xunta apoia a demanda do sector forestal galego diante do Goberno central a prol da mellora da fiscalidade para este eido produtivo clave do rural galego en impostos que son competencia exclusiva do Estado, como poden ser o IRPF, o de Sociedades ou o IVE”.
Campero indicou que “no Plan Forestal de Galicia reflíctense as medidas en materia de fiscalidade forestal que se propoñen para reverter a tendencia ao abandono da actividade forestal, maiormente no caso dos propietarios particulares”.
Unha das medidas fiscais propostas é aplicar ao sector forestal un criterio diferenciado no IRPF, polo que, no caso de que un propietario exercera unha actividade profesional no réxime de estimación directa, cando a actividade sexa diferente coa forestal e non exista risco de trasvancamento de facturas dun réxime a outro, se puidera optar por un dobre réxime: un en estimación directa, nos cales están os servicios profesionais non vinculados á actividade forestal; e outro en estimación obxectiva, a propia actividade forestal.
“Esta medida, contra a que a Axencia Tributaria se mantén inflexible, podería ser parcialmente acadada no caso de desenvolver un Plan sectorial de contabilidade para o sector forestal”, sinalou a deputada popular, quen apuntou que este plan “deberá ter en conta as especiais características da actividade, sobre todo en relación coas prolongadas quendas de corta da actividade forestal.