O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita aos concellos que sigan impulsando a delegación dos procesos selectivos de acceso aos corpos de policía local e a selección de auxiliares de policía local unitarios na Academia Galega de Seguridade Pública, coa finalidade de garantir unha homoxeneización de requisitos e capacitación semellante en todo o territorio.
A deputada popular Felisa Rodríguez explicou que a Academia Galega de Seguridade Pública se encarga principalmente da formación do persoal en seguridade pública e das emerxencias en Galicia, ademais doutros ámbitos de actuación como poden ser os socorristas ou o persoal de seguridade privada. A Xunta, en aras dunha mellor coordinación dos corpos policiais de Galicia, asumiu competencias de selección dos corpos de policía local de Galicia, que redunda nun aforro de custes e de simplificación administrativa para os concellos e, ademais, garante unha selección uniforme en todo o territorio.
O 73% DOS CONCELLOS XA DELEGARON
“Na actualidade, o 73 por cento dos concellos galegos con corpo de policía local xa teñen delegado na Xunta a xestión da realización efectiva dos procesos selectivos ou de mobilidade para a cobertura das prazas vacantes nas categorías de policías e mandos, auxiliares de policía local e vixiantes municipais”, apuntou.
Neste sentido, a deputada popular considerou “necesario asegurar que tanto a formación que reciben como os procesos selectivos nos que participan para ampliar o persoal das policías locais dos distintos concellos sexan homoxéneos en toda Galicia, porque o obxectivo é garantir á cidadanía o mellor servizo posible e dar máis seguridade aos candidatos”.
Felisa Rodríguez salientou que a Academia Galega de Seguridade Pública “é unha institución referente en España que destaca pola excelencia no seu traballo, tanto na investigación como na formación en seguridade pública; pola innovación, na mellora continua coas tecnoloxías máis avanzadas; e polo compromiso firme coa seguridade das galegas e dos galegos”.