Santiago, 2 de decembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei a través da que se insta á Xunta para que promova un aumento dos controis nas entradas do gando porcino na Comunidade galega, incluídas as que teñen orixe en Portugal, así como intensificar as campañas de prevención e as medidas de bioseguridade das explotacións galegas.
A portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia, lembrou que “o sector porcino é dunha enorme importancia económica en Galicia, polo que cómpre extremar as precaucións fronte a peste porcina africana, que ameaza a súa actividade produtora e o potencial exportador”.
IMPORTANCIA DA DETECCIÓN PRECOZ
Neste sentido, manifestou que “a detección precoz da peste porcina africana é sumamente importante para que as medidas de control sexan efectivas”, para o que considerou “prioritario reforzar este labor e incidir no incremento dos sistemas de vixilancia establecidos, así como divulgar as vías de introdución desta da enfermidade, sexa por medio de animais infectados ou ben a través de materiais contaminados co virus”.
Elena Candia demandou, ademais, “intensificar e aumentar a bioseguridade das granxas galegas de gando porcino, evitando a incorporación de animais de países de risco e mantendo as explotacións illadas ao acceso de xabarís, asegurando unha eficaz limpeza e desinfección de vehículos, persoas ou equipos que accedan á granxa”.
“Tamén é preciso evitar a introdución en Galicia de produtos cárnicos de gando porcino ou xabaril orixinarios dos países de risco, e, no caso de facelo, asegurarse de que estes produtos ou os seus restos non son utilizados na alimentación dos porcos nin son eliminados en lugares aos que teñan acceso os xabarís”, apuntou.