10 de marzo de 2023. O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide a promoción, desenvolvemento, divulgación e posta en práctica de medidas de bioseguridade que permitan controlar a enfermidade ocasionada á vide por mor do organismo nocivo de corentena flavescencia dourada. Así mesmo, demándase que estude poñer en práctica un sistema de información dirixida aos viticultores que lles permita recibir as alertas e a informacións respecto a flavescencia dourada.
A praga da flavescencia dourada está provocada por un fitoplasma denominado Grapevine flavescence dorée, que afecta á vide e que provoca o seu progresivo debilitamento ata a morte. O cicadélido Scaphoideus titanus é o insecto vector desta praga e a súa presencia en Galicia está confirmada desde o pasado mes de novembro, polo que é necesario dispoñer dun plan de seguimento e control.
SÍNTOMAS E MEDIDAS A TOMAR
A deputada popular Raquel Arias concretou que “os datos de seguimento deste organismo mostraron a súa presenza en plantas illadas situadas nos concellos de Arbo, Crecente e As Neves, na provincia de Pontevedra, e no concello de Padrenda, en Ourense”. Todos eles forman parte da zona demarcada de flavescencia dourada de 2,5 quilómetros respecto á fronteira con Portugal, aínda que a zona fixada pola resolución publicada pola Xunta esténdese tamén a parcelas de A Cañiza, Salvaterra de Miño, Salceda de Caselas, Tui e Tomiño.
As cepas afectadas por este fitoplasma manifestan diversos síntomas, entre os que destacan o retraso na brotación; ausencia de produción, xa que os racimos sécanse e non chegan en ningún caso a madurar; enrolamento das follas cara o envés; disposición das follas dentro do sarmiento en forma de tellas ou escamas de peixe; coloración vermella ou amarilla das follas, segundo se trate de variedades tintas ou brancas; ou falta total de agostamento dos sarmientos, que perden consistencia e toman un porte desmaiado, dándolle á cepa un aspecto de chorón.
“Algúns destes síntomas poden confundirse cos de outras alteracións, sendo preciso que coincidan varios para confirmar o diagnóstico visual”, polo que “o diagnóstico definitivo debe realizarse mediante analítica en laboratorio”, explicou a deputada popular.
Respecto das medidas a adoptar nas parcelas nas que se detecte a presenza de plantas infestadas ou insectos vectores das enfermidades, os titulares deberán aplicar o antes posible un tratamento insecticida autorizado a todas as plantas, ademais de arrincar ou destruír baixo control oficial e o antes posible as plantas infestadas.