Santiago, 7 de setembro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular, co voto en contra do BNG, a través da que se insta á Xunta a declarar de interese público superior as centrais hidroeléctricas reversibles, como activos de almacenamento enerxético necesarios para acadar a seguridade de subministración enerxética, ao tempo que se garanta a construción das infraestruturas de almacenamento necesarias para a implantación destes proxectos, sempre que non supoñan novos obstáculos transversais no leito dunha masa de auga superficial.
A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Nóvoa, lembrou que a Lei estatal 7/2021 de cambio climático e transición enerxética regula o carácter prioritario da implantación de centrais reversibles “sempre que cumpran cos obxectivos ambientais das masas de auga e os réximes de caudais ecolóxicos fixados nos plans hidrolóxicos de conca e sexan compatibles cos dereitos outorgados a terceiros, coa xestión eficiente do recurso e a súa protección ambiental”.
“En Galicia, o correcto uso do solo e o dos recursos naturais son factores determinantes do desenvolvemento económico e da sustentabilidade do tecido industrial, tendo especial prioridade neste momento garantir ás empresas o acceso a fontes de enerxía competitivas e sostibles a través de proxectos que axuden a reactivar a economía”, dixo Nóvoa.
Neste sentido, recordou que unha moción aprobada polo Pleno do Parlamento galego o 8 de febreiro de 2011 instaba á Xunta a “declarar os ríos de Galicia libres de novos aproveitamentos hidroeléctricos agás repotenciacións, sempre que se manteña o mesmo vaso e non se altere o caudal ecolóxico”.
SITUACIÓN DIFERENTE A 2011
A viceportavoz popular explicou que “a situación que xustificou aquela limitación é radicalmente distinta na actualidade, porque os obxectivos de xeración renovable da Unión Europea, de España e de Galicia para os próximos anos e décadas están moi lonxe de acadarse, polo que precisan dun impulso decidido por parte das empresas e administracións”.
Deste xeito, a proposición non de lei propón a adopción dunha práctica que sexa proporcional e proteccionista, ao tempo que coide todos os bens xurídicos concorrentes: o medio ambiente e a subministración dunha enerxía limpa. “En particular, proponse eximir da prohibición total de implantar obstáculos transversais aos novos proxectos de almacenamento con bombeo, que merecen un tratamento diferenciado das centrais hidráulicas convencionais”, apuntou.
No caso das centrais de bombeo, Marta Nóvoa afirmou que “deberá realizarse unha análise, caso por caso, garantindo que se tomen todas as medidas factibles para paliar posibles efectos desfavorables sobre o medio, que exista un interese público superior e que non exista outra solución técnica que sexa ambientalmente mellor”.
“Cómpre aproveitar as oportunidades para desenvolver proxectos e territorios de forma sostible, protexendo os recursos naturais, e adaptando as previsións da normativa hidrolóxica e de aproveitamento das áreas industriais á evolución e obxectivos enerxéticos do contexto actual e do espazo de futuro que estamos a construír”, sinalou a viceportavoz popular.