O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide ao Goberno de España que adopte as medidas necesarias no desenvolvemento do Regulamento europeo sobre a información alimentaria facilitada ao consumidor para evitar a información confusa na etiquetaxe de produtos de orixe vexetal baixo a denominación de peixe.
Así mesmo, ínstase á Comisión Europea para que na próxima revisión do Regulamento da organización común dos mercados (OCM) no sector dos produtos da pesca e da acuicultura se inclúa unha proposta lexislativa para reservar calquera definición comercial, designación e descrición de venda de ‘peixe’ aos produtos pesqueiros.
O portavoz popular do Mar, Miguel Fidalgo, sinalou que “a irrupción no mercado de produtos aptos para veganos derivados de proteínas vexetais elaboradas que imitan a aparencia de presentacións de peixes e mariscos, coa pretensión de desprazalos das preferencias do consumidor, constitúen un gran problema para o sector, xa que non son o mesmo nin para a saúde, nin para o medioambiente, nin desde o punto de vista ético”.
BALEIRO LEGAL
Neste sentido, manifestou que “na actualidade existe certo baleiro legal ao redor deste tipo de produtos vexetais que imitan a outros de orixe animal, dado que non hai unha normativa específica que os regule de forma expresa”, polo que considerou urxente “unha revisión da normativa de etiquetado, a fin de dotar dunha información veraz á cidadanía que lles protexa de adoptar decisións alimenticias erróneas mediante estratexias de greenwashing que os devanditos produtos veganos adoitan aproveitar”. “Só mediante unha información veraz e unha competencia leal entre operadores aseguraremos un marco alimentario sostible, seguro e nutritivo”, dixo.
Miguel Fidalgo explicou que o Regulamento comunitario “permite aos Estados membros, por ser as autoridades máis indicadas, actuar en situacións de etiquetaxe inadecuada sobre as conservas de orixe vexetal que induce a erro sobre a verdadeira natureza e composición do produto”, polo que sinalou que “non hai tempo que perder, polo que é necesaria unha resposta por parte das autoridades comunitarias e do Goberno de España”.