21 de xuño de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o apoio de BNG nin de PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a fomentar e desenvolver novas experiencias educativas e de intercambio lingüístico e cultural entre o alumnado e profesorado dos centros educativos galegos e portugueses, con especial atención a aqueles centros de concellos galegos limítrofes con outros do norte de Portugal.
O deputado popular Carlos Gómez Salgado manifestou que “a relación transfronteiriza entre Galicia e o norte de Portugal, e a visión de proximidade entre a lingua galega e o portugués, teñen servido para o xurdimento de diferentes iniciativas de cooperación no ámbito económico, social, cultural e educativo, xurdidas tanto ao amparo institucional como por proposta de cidadáns ou colectivos”.
IMPULSO DO INTERCAMBIO GALEGO-PORTUGUÉS
En concreto, Carlos Gómez puxo en valor algúns exemplos como o feito histórico do Couto Mixto entre a Alta Limia e Tras os Montes ou as eurocidades de Chaves-Verín, Tomiño-Vila Nova da Cerveira, Monçao-Salvaterra do Miño e Tui-Valença. “Outro bo exemplo é o programa educativo Ponte…nas Ondas!!, que a finais do pasado ano entrou no Rexistro de Boas Prácticas do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco”, engadiu.
Gómez Salgado salientou que a Lei Paz Andrade, para o aproveitamento da lingua portuguesa e vencellos coa lusofonía, facilitou que “o portugués se vaia consolidando como unha das linguas estranxeiras que escollen os estudantes de Galicia, superando neste momento os 5.000 alumnos de portugués en ensinanzas obrigatorias e postobrigatorias, así como nas escolas oficiais de idiomas”.
“A posta en marcha do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade reforzou o portugués en Galicia, servindo como un foro de diálogo permanente entre as distintas administracións públicas e outras organizacións representativas no eido lusófono”, engadiu.
Para rematar, o deputado popular afirmou que “é patente os pasos dados nestes últimos anos no impulso do portugués en Galicia, pero tamén consideramos de interese intensificar as experiencias educativas e culturais de intercambio entre os centros educativos dos concellos do sur de Galicia e os das poboacións do norte de Portugal, buscando a implicación do alumnado e do profesorado de Galicia en novas experiencias educativas e de intercambio lingüístico cos seus homólogos lusos”.