Santiago, 2 de novembro de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a impulsar desde Galicia novos instrumentos que actúen como panca para apoiar proxectos galegos innovadores e de calidade que compitan a nivel estatal.
“O estímulo ás empresas con alto potencial de crecemento que contribúen á transferencia de coñecemento por estar baseadas en tecnoloxía e innovación debe ser unha prioridade como axente dinamizador da economía en Galicia para garantir a transición cara modelos empresariais máis competitivos e de valor engadido, determinantes do crecemento económico e soporte para a creación de emprego”, dixo a deputada popular Sandra Vázquez.
Na súa intervención, Vázquez lembrou que a Xunta leva desenvolvendo desde 2014 a estratexia de especialización intelixente RIS 3, pola que se concederon máis de 6.700 axudas e mobilizaron 1.900 millóns de euros froito da colaboración público-privada. Deste xeito, apuntou que “agora toca traballar na nova RIS para centrar as prioridades ata o 2027, onde deben estar implicados os axentes do sistema I+D+i, o tecido empresarial e a propia sociedade galega”.
PAQUETE DE APOIOS PARA 2022
A curto prazo, e con cargo aos orzamentos da Xunta para 2022, a deputada popular afirmou que “seguirase impulsando a innovación nas pequenas e medianas empresas cun paquete de apoios que suman 33,6 millóns de euros, a través de novas iniciativas entre as que destacan un programa dirixido a crear centros de innovación nas novas empresas e un reforzo no apoio ás pemes a través dos bonos innovación, buscando especialmente maior incidencia no medio rural”.
“A capacidade das empresas innovadoras de xerar novas solucións a través de produtos e servizos é un factor fundamental para preservar a competitividade e mellorar a produtividade, así como para alcanzar ritmos elevados de crecemento económico”, sinalou Sandra Vázquez. Ademais, manifestou que “as empresas de base tecnolóxica son un actor moi importante, debido a que teñen unha función clave ao aportar elementos máis disruptivos, transmitir a innovación e o coñecemento tecnolóxico ao tecido produtivo, e xerar de postos de traballo de alta cualificación en ámbitos máis intensivos en coñecemento”.