16 de novembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que estableza un canal de información permanente sobre a situación da central térmica de As Pontes ao abeiro da Mesa das Pontes, amosando a máxima sensibilidade para non deixar fóra do proceso de transformación aos traballadores de Endesa, a industria auxiliar e aos transportistas, nin tampouco á Administración Autonómica. Así mesmo, pídese que o Ministerio para a Transición Ecolóxica aclare a capacidade real e efectiva do nó de As Pontes e para que se vai a destinar esta capacidade.
A portavoz popular de Enerxía, Marta Nóvoa, lamentou que “a situación da central térmica de As Pontes é o mellor exemplo do caos que supón a denominada transición enerxética levada a cabo polo Goberno de Pedro Sánchez: decreta o peche dunha central que podería estar activa ata 2038, mentres países da nosa contorna abren térmicas de carbón para cubrir as necesidades do mix enerxético; despois, ante a crise enerxética e a falta de estabilidade do sistema, vese obrigado a reactivala; e, malia esa reactivación, proseguen cos trámites para o seu desmantelamento”.
NECESITAMOS CERTEZAS
Marta Nóvoa explicou que o Ministerio para a Transición Ecolóxica ten autorizado a clausura definitiva de dous dos catro grupos de xeración da central térmica de As Pontes. “A realidade é que esta autorización do peche parcial da térmica implica que quedarán libres dúas posicións dentro da subestación, que supoñen 700 MW”, sinalou.
Deste xeito, manifestou que “necesitamos certezas a fin de dar viabilidade aos proxectos industriais e enerxéticos nos que distintos promotores e a Xunta están traballando desde hai dous anos para procurar unha solución ao caos provocado polo Goberno de Pedro Sánchez derivado da falta dunha política enerxética clara e realista, e que estivese na senda do que están a facer o resto de países da Unión Europea”.
“É necesario que o Goberno central aclare a capacidade dispoñible efectiva deste nó de As Pontes para ver a compatibilidade no proceso de desmantelamento parcial da central cos proxectos industriais e enerxéticos que se queren levar a cabo na zona, así como coñecer o destino dos 1.400 MW de capacidade dispoñible neste nó de As Pontes”, reclamou Marta Nóvoa.
Así mesmo, demandou “revisar e adecuar a planificación da distribución eléctrica para dar cobertura á industria galega, tanto a existente na Comunidade galega como a que se quere instalar en Galicia”.