8 de marzo de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se pide o cumprimento de todas as medidas do Pacto de Estado contra a violencia de xénero destinadas á protección, apoio, intervención e recuperación integral das vítimas dos delitos contra a liberdade e indemnidade sexual, especialmente, mulleres e nenas. “A día de hoxe, dúas de cada tres medidas incluídas neste Pacto de Estado están pendentes de cumprimento despois de seis anos desde a súa aprobación por un goberno do Partido Popular”, lamentou a viceportavoz popular, Paula Prado. Así mesmo, e co voto en contra do BNG, pídese que se revise, pola vía de urxencia a Lei do Só si é si.
Na súa intervención, Paula Prado lembrou que o Pacto de Estado contra a violencia de xénero aprobouse en 2017, “logo dun ano de comparecencias e negociacións e co único voto a favor de todas as forzas políticas do Congreso, salvo Podemos”. “A pesar de que o Goberno de Partido Popular deixou orzamentados 1.000 millóns de euros para poñer en marcha as medidas incluídas neste Pacto de Estado, na actualidade dous terzos destas actuacións están aínda sen cumprir”, explicou.
MEDIDAS INCUMPRIDAS
En concreto, a viceportavoz popular fixo un repaso por algunhas das medidas que están sen cumprir. En primeiro lugar, sinalou que o Pacto de Estado “establecía unha serie de actuacións dedicadas á prevención e á educación, dous ámbitos que máis inciden na mocidade, e nin sequera aí foi quen o Goberno de Pedro Sánchez de aprobar medidas importantes para a xente nova”.
Así, citou medidas sen cumprir como a regulación dun código identificativo nos produtos audiovisuais para o fomento da igualdade e a eliminación de prexuízos, estereotipos e roles sexistas; a eliminación de contidos que promovan a violencia contra as mulleres; a posta en marcha dun código de publicidade non sexista; ou recuperar a figura do Consello Estatal de medios audiovisuais.
“Pero tamén existen medidas no ámbito lexislativo sen cumprir: a primeira e a máis flagrante é a Lei de trata, sobre todo se tempos en conta que o 90 por cento das mulleres que exercen a prostitución en España son vítimas de trata ou explotación sexual”, dixo Paula Prado. Ademais, citou como pendentes de executar a ampliación do concepto de violencia de xénero a todos os tipos de violencia contra a muller; suprimir a atenuante de confesión ou de reparación de dano en delitos de violencia de xénero; xeneralizar a agravante de discriminación para os casos de mutilación xenital feminina; perfeccionar a tipificación dos delitos no ámbito dixital; non considerar as inxurias ou calumnias a través das redes sociais como un delito leve; ou estender a pena de privación de tenencia ou porte de armas a todos os delitos.
O BNG, EN CONTRA DE MODIFICAR A LEI DE SÓ SI É SI
Para rematar, Paula Prado lamentou que “non se aproveite a tramitación da Lei do Só si é si, que reforma o Código Penal, para facer todas estas reformas que favorecen a atención e a seguridade das vítimas de violencia de xénero”. “Pero, lamentablemente, primaron os criterios ideolóxicos fronte ao interese xeral das mulleres”, indicou.
Neste sentido, criticou que o BNG votara hoxe no Pleno do Parlamento galego en contra da revisión da Lei de Só si é si, do mesmo xeito que fixeron onte no Congreso en contra da toma en consideración da modificación desta Lei. “Non votaron en contra da lei nin da volta ao Código Penal de antes, que para iso están as emendas, senón que votaron en contra de devolverlle a dignidade ás vítimas e non retroceder na conquista dos dereitos das mulleres”, manifestou.
A proposición non de lei incorporou, finalmente, dous puntos das emendas presentadas polos grupos da oposición: un primeiro, pedindo á Xunta o envío ao Parlamento galego, antes de que finalice o actual período de sesións, dun informe detallado de fiscalización dos fondos do Pacto de Estado desde o seu inicio; e o segundo, pedindo a promoción dun programa específico de formación en materia de violencia sexual para todos os ámbitos profesionais que traballan na prevención e atención da violencia machista.