O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita á Xunta que incremente nos orzamentos de 2024 a partida económica destinada ao Plan de Pastos de Galicia, co fin de continuar coa súa extensión; e as achegas destinadas ao funcionamento e traballo das agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADGS).
O portavoz popular do Medio Rural, José Antonio Armada, indicou que “o aproveitamento ordenado de pastos nos montes contribúe a reducir o risco de incendios, polo que os terreos beneficiarios das actuacións son seleccionados segundo criterios de prevención de lumes”.
Armada explicou que o Plan de pastoreo de Galicia é unha iniciativa da Consellería do Medio Rural para aumentar as zonas de pastoreo nos montes veciñais en man común, co fin de previr os lumes forestais e favorecer a gandería extensiva en Galicia. As obras necesarias son realizadas directamente pola Xunta de Galicia sen custo algún para as comunidades de montes, que a cambio se comprometen a manter e explotar os pasteiros axeitadamente.
VANTAXES DOS PASTEIROS
“Implantar pasteiros nos montes veciñais ofrece numerosas vantaxes, xa que diminúe os efectos dos incendios forestais; reduce o desequilibrio actual entre usos agrarios e forestais; aumenta a superficie agraria dispoñible; incrementa a extensificación das poboacións, redundando na súa viabilidade económica, sostenibilidade ambiental e benestar dos animais; favorece a diversidade nos ecosistemas agroforestais; mellora a actividade económica e social do rural; e favorece a xestión das comunidades de montes”, indicou o portavoz popular.
Ademais dos traballos necesarios para implantar un pasto herbáceo de calidade, os proxectos dos pasteiros poden incluír outras actuacións como peches gandeiros e pasos canadenses; sistemas de retención e control para determinadas actuacións de xestión do gando; mellora dos accesos ao pasteiro; ou a redacción de documentación técnica necesaria para as actuacións a realizar.
SALVAGARDA DAS CONDICIÓNS SANITARIAS
Pola súa parte, Armada lembrou que as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras son asociacións constituídas por gandeiros para a elevación do nivel sanitario e zootécnico das súas explotacións mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades animais e mellora das súas condicións hixiénicas, que permitan mellorar o nivel produtivo e sanitario dos seus produtos.
“A filosofía que sustenta ás ADSG é que as propias persoas gandeiras integradas nelas sexan partícipes directos e principais na salvagarda e mellora das condicións sanitarias dos seus animais e explotacións, e por extensión do sector gandeiro que representan, como medio fundamental da rendibilidade da súa actividade”, sinalou o portavoz popular, quen incidiu que “se trata, polo tanto, dun concepto de autoxestión sanitaria que debe ir en paralelo e baixo o control e coordinación das autoridades competentes en materia de sanidade animal de cada territorio”.
José Antonio Armada situou estas agrupacións como “unha ferramenta indispensable na rede de vixilancia epidemiolóxica das enfermidades animais, ao estar constituídas por persoas gandeiras implicadas e coñecedoras na transcendencia dos programas sanitarios e contar regulamentariamente coa dirección técnica de persoal veterinario responsable do programa sanitario da agrupación”.
Deste xeito, o portavoz popular considerou “imprescindible, por un lado, asegurar a continuidade dos programas levados a cabo ata agora por estas entidades e, por outro, reforzar a súa estrutura ante os novos retos impostos pola normativa comunitaria”.