O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei transaccionada entre o Grupo Popular e o BNG a través da que se solicita ao Goberno de España e ás autoridades europeas que adopten as medidas oportunas diante das autoridades europeas co obxecto de que o itinerario noroeste do Corredor Atlántico, no que figura expresamente Galicia, non sexa excluído do mapa deseñado para a posta en marcha do órgano xestor da futura rede ferroviaria europea de mercadorías.
Así mesmo, pídese que o Goberno central aprobe no presente ano o Plan Director do Corredor Atlántico, incluíndo nel todas as demandas relacionadas co Corredor Noroeste e un plan extraordinario de investimentos na modernización do ferrocarril de mercadorías que equilibre e compense o escaso desenvolvemento que sofre o noso país nesta materia.
“Chegou o momento de dicir alto e claro que as palabras non son suficientes e necesitamos feitos”, incidiu o portavoz popular de Infraestruturas, José Manuel Balseiro. Neste sentido, indicou que “o Corredor Atlántico é moito máis que un conxunto de liñas ferroviarias trazadas sobre un mapa, porque Galicia ten pleno dereito a estar presente na gran rede estratéxica de transporte, chamada a conectarnos co resto de España e co resto dos países europeos e do mundo”.
PERDER A OPORTUNIDADE
Balseiro lamentou que “desde que Mariano Rajoy negociou que Galicia e o noroeste peninsular se incorporase á Rede Transeuropea de Transporte, negociación que fructificou en 2021 coa incorporación oficial do trazado galego, con Pedro Sánchez o resto de decisións sempre foron en contra dos intereses de Galicia”. “Levamos cinco anos agardando polo Plan Director e cada vez poñen unha data diferente; e non falemos do Comisionado, que tras oito meses no cargo segue sen escoitar ao Goberno galego e sen informar sobre prazos ou investimentos”, dixo.
Así mesmo, o portavoz popular criticou que “hai varios meses soubemos que dos 6.300 millóns de euros que este ano a Unión Europea destinará á Rede Europea de Transportes, dos que 250 millóns serán para España, nin un só céntimo virá para Galicia porque o Goberno de Pedro Sánchez non os pediu”.
“A isto súmase o feito de que Galicia está excluída do órgano xestor das mercadorías do Corredor Atlántico”, lamentou José Manuel Balseiro, ante o que esixiu que “o deseño, financiamento e futuros organismos de xestión deste Corredor inclúa de xeito expreso o itinerario galego”. “Nin podemos nin queremos permitir que Galicia perda esa oportunidade”, insistiu.
Balseiro rematou reclamando “un rápido desenvolvemento do Corredor Atlántico Noroeste, para o que esiximos o cumprimento dun cronograma público, transparente, realista, viable e dotado dos recursos orzamentarios necesarios, porque a todos nos interesa que se complete o Corredor e Galicia non quede como unha illa”.