16 de decembro de 2022. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita que a Xunta incentive a contratación de seguros agrarios, impulsando especificamente a contratación dos mesmos en todas as explotacións vitivinícolas que estean asociadas ás denominacións de orixe, coa finalidade de estar cubertos ante calquera eventualidade ou fenómeno meteorolóxico extraordinario. Así mesmo, pídese o fomento da promoción do sector vitivinícola, concretamente dos viños galegos con denominación de orixe, en países da Unión Europea e fora da mesma.
A portavoz popular do Medio Rural, Elena Candia, manifestou que “os seguros agrarios constitúense como unha eficaz ferramenta de protección dos agricultores e gandeiros contra as adversidades meteorolóxicas e outros fenómenos alleos ao seu control, que poidan causar perdas nas súas explotacións”.
REDES DE SEGURIDADE
Por este motivo, sinalou que “desde o Grupo Popular realizamos unha clara aposta por fomentar os seguros agrarios para evitar calquera tipo de perdas, ben pola seca ou polas choivas como aconteceu no 2021”, e salientou que a Xunta destinou en 2022 un total de 7 millóns de euros, un 17 por cento máis que na convocatoria anterior, para fomentar a contratación deste tipo de pólizas.
“Debemos incidir no fomento da contratación dos seguros agrarios por parte de agricultores de xeito colectivo e dun xeito concreto pola vía das denominacións de orixe e das indicacións xeográficas protexidas coas que contamos en Galicia, co obxecto de establecer redes de seguridade ante a ocorrencia de potenciais catástrofes e fenómenos que impidan a recolección normal da colleita de determinados cultivos, como é o caso da uva de vinificación”, sinalou.