O Parlamento de Galicia aprobou hoxe, sen o voto favorable de BNG nin de PSdeG, a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita seguir implementando o Programa de Titorización para novos labregos e labregas, garantindo unha transición xeracional sólida e asegurando o futuro do noso rural.
A portavoz popular de Xuventude, Nicole Grueira, explicou que este Programa de Titorización “baséase nun acompañamento real e efectivo, a través dunha rede de técnicos agrarios das oficinas rurais, que exercen como titores e guían aos novos agricultores e agricultoras durante os seus primeiros anos de actividade”.
DURANTE TRES ANOS
O programa naceu cos obxectivos de facilitar o relevo xeracional, asegurando que o campo galego teña continuidade; frear a desaparición de explotacións familiares; ofrecer apoio técnico e asesoramento a quen se incorpora para que o proceso sexa máis doado e con máis garantías de éxito; e impulsar a formación e capacitación, asegurando que as novas explotacións teñan viabilidade e competitividade.
Desde a súa posta en marcha en 2024, o Programa de Titorización acompañou a máis de 570 persoas, “que teñen garantido un seguimento durante os próximos tres anos, o que lles permitirá desenvolver os seus proxectos con maior seguridade e estabilidade”.