Santiago, 4 de setembro de 2019.- O Parlamento de Galicia reiterou hoxe, a través dunha proposición non de lei do Grupo Popular, a solicitude ao Goberno central para que articule un concurso de méritos na Policía Nacional que permita cubrir vacantes na Unidade de Policía Adscrita (UPA) para incrementar canto menos ata 475 os seus efectivos, de xeito que esta Unidade poida cumprir coas funcións que actualmente está prestando.
O deputado popular Jacobo Moreira lembrou que, logo do acordo acadado en 2005 entre os gobernos socialistas no Estado e Galicia, fixouse en 500 o número de efectivos da Unidade de Policía Adscrita, “unha cifra que nunca se acadou e lamentablemente, ao longo dos anos, foise producindo unha perda progresiva de persoal, que na actualidade chega aos 403 efectivos”.
INCREMENTO DE FUNCIÓNS
Fronte a esta perda de persoal, a UPA foi incrementando competencias, como as referidas á protección de mulleres vítimas de violencia de xénero, que se sumaban á loita contra os incendios forestais e contra o furtivismo e marisqueo ilegal.
Jacobo Moreira afirmou que o Goberno galego “ten reivindicado en numerosas ocasións a necesidade de dotar de máis efectivos policiais a Galicia, con especial referencia á UPA, porque é importante garantir a seguridade dos galegos” e lembrou que “foi co Goberno de Mariano Rajoy cando esta unidade policial contou co seu maior número de membros: 474”.
“De que nos serve ter un Goberno socialista bonito se non funciona e segue se atender as demandas de Galicia, como o incremento de efectivos da UPA pero tamén a transferencia dos 700 millóns que lle debe á Comunidade galega ou a propia transferencia da AP-9?”, cuestionou.
Así mesmo, Moreira apuntou que esta demanda de persoal “é unha petición da propia unidade de policía, que considera indispensable contar cun mínimo de 475 efectivos para levar a cabo o seu traballo nas mellores condicións e garantías para todos os galegos”.