Santiago, 20 de maio de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei, logo dunha transacción entre o Grupo Popular e o PSdeG, a través da que se demanda que a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) inicien o procedemento para incorporar ao Sergas os profesionais e servizos sanitarios de saúde mental que prestan os seus servizos dependentes dos concellos, de xeito que se ordene a atención e dependa do organismo competente en asistencia sanitaria.
O deputado popular Alberto Pazos pediu que “non se frivolice” con este tema e amosou o respaldo do PPdeG a que estas unidades de saúde mental queden adscritas progresivamente ao Sergas.
Neste sentido, lembrou que xa o pasado mes de marzo aprobouse no Pleno do Parlamento galego unha moción coa mesma finalidade, na que ademais se incorporaba a solicitude para que a Xunta desenvolva un plan de contratación de persoal sanitario en saúde mental, que implique a incorporación de 120 novas prazas antes de rematar este ano.