Santiago, 4 de decembro de 2019.- O Parlamento galego aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se reitera a demanda ao Goberno de España para que retire a limitación das taxas de reposición de prazas para o sistema sanitario público.
“Falamos dunha necesidade para a sanidade pública galega que permita estabilizar moitas das prazas que houbo que cubrir de xeito eventual diante das dificultades económicas xeradas pola crise”, sinalou o portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez.
Na súa intervención, lembrou que a taxa de reposición estableceuse en 2009 por un Goberno socialista nun 30 por cento e posteriormente foi limitada ao 10 por cento no ano 2011. “O Goberno de Mariano Rajoy mantivo as medidas de austeridade, entre elas a taxa de reposición no 10 por cento, ata o 2014, pero despois da mellora dos indicadores económicos elevouna en 2015 ata o 50 por cento e chegou ao 100 por cento en 2016”, lembrou.
DESINTERESE DA ESQUERDA
Aurelio Núñez lamentou “o desinterese dos grupos da esquerda política pola sanidade pública”, e a modo de exemplo referiuse a que “no programa electoral dos socialistas para as dúas eleccións deste ano non se cita para nada a taxa de reposición na sanidade pública ou que no recente acordo de goberno entre PSOE e Podemos unicamente figura unha referencia descafeinada de protexer a sanidade pública”.
“Esta situación contrasta coa defensa que ten feito o PPdeG para a eliminación da taxa de reposición na sanidade galega, ben a través de cartas remitidas á ministra do PP Dolors Montserrat en 2016 ou co apoio a proposicións non de lei aprobadas neste Parlamento neste sentido tanto dos socialistas como dos nacionalistas”, indicou.
Deste xeito, Núñez Centeno afirmou que “non parece haber moita presa nin moita disposición por parte dos representantes dos distintos ministerios socialistas na eliminación da taxa de reposición, como se evidencia nas actas do Consello Interterritorial de Recursos Humanos, que o seu propio partido reclamaba hai pouco máis de un ano neste Parlamento”.