Santiago, 24 de febreiro de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición no de lei do Grupo Popular a través da que se reitera ao Goberno central a súa implicación para solucionar o prexuízo económico que está a ocasionar no porto de Ferrol, en concreto, e en Galicia, en xeral, as restricións de circulación para certos transportes especiais no viaduto do Castro da A-6, nomeadamente, con relación ao transporte de palas e torres eólicas que a data de hoxe se sigue negando.
A portavoz popular de Enerxía, Marta Nóvoa, lembrou que o Ministerio de Transportes está a acometer desde o pasado mes de xuño obras de mantemento nos viadutos de Castro en León, entre os puntos quilométricos 428 e 432 da A-6. Esta actuación está a impedir o paso de camións con torres eólicas, que non poden circular nin polo viaduto nin polo bypass, nin sequera pola noite cando non hai practicamente tráfico.
NOVO CASTIGO PARA FERROLTERRA
“A consecuencia directa é que os produtores, en vez de dar saída ás pezas polo porto de Ferrol, estano a facer polo porto de Santander, observándose un risco real de deslocalización que afectaría novamente a unha comarca fondamente castigada como é a de Ferrolterra, e suporía un novo castigo a Galicia propiciado polo Goberno central”, indicou.
Deste xeito, Marta Nóvoa demandou que “o Goberno do Estado debe dar unha solución á problemática descrita para evitar a perda dese tráfico comercial e da actividade económica e emprego vencellada á situación económica e industrial que están atravesando as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal”.
Na súa intervención, a portavoz popular lamentou que “o Goberno da Xunta segue a agardar a implicación do Goberno de España no Pacto de Estado por Ferrol, un pacto que precisa da participación de todas as administracións para, desde a unidade de acción, conseguir fortalecer a competitividade e a reactivación deste territorio, xerando novas oportunidades económicas e de emprego”.
Neste contexto, Nóvoa referiuse á creación da nova Delegación da Xunta en Ferrol, así como o impulso de diversas medidas que suporán máis de 80 millóns de euros en investimentos.