Santiago, 6 de abril de 2021.- O Grupo Popular acadou hoxe o apoio unánime da Comisión de Pesca do Parlamento galego á súa proposición non de lei para rexeitar a nota explicativa remitida pola DG Mare da Comisión Europea ao Parlamento Europeo sobre a revisión do sistema de control da pesca da Unión Europea no contexto do Pacto Verde e a Estratexia de Biodiversidade da UE para 2030, que podería recompensar e legalizar a infradeclaración, conduce a unha sobrepesca masiva e permite que os recortes ilegais continúen sen ser detectados e ameacen a explotación sustentable dos recursos biolóxicos mariños.
Deste xeito, a proposición non de lei demanda ao Goberno de España que leve a cabo as actuacións oportunas de rexeitamento a esa nota explicativa xa que atenta contra a imaxe e traballo do sector do mar e a de todas as persoas profesionais que nel traballan.
A portavoz do Mar do Grupo Popular, Teresa Egerique, manifestou que “os pescadores europeos séntense indignados e abandonados por unha Comisión Europea que presenta a súa propia industria pesqueira como depredadores legais e tramposos”. “Este é un sentimento unánime do sector, que percibe esta actitude como unha completa falta de conexión e empatía cos pescadores e as realidades pesqueiras”, indicou.