Santiago, 5 de xullo de 2019.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe de xeito unánime a proposición non de lei a través da que se solicita a AENA que introduza nos pregos de licitación do novo servizo de restauración do Aeroporto de Lavacolla as cláusulas necesarias que garantan o mantemento dun servizo de comedor nas condicións vixentes previstas no prego da cantina.
Deste xeito, todos os grupos parlamentarios amosaron o seu apoio ás reivindicacións do Comité de Centros deste aeroporto na reclamación relativa ao mantemento das condicións do actual servizo de comedor.
A deputada popular María Antón Vilasánchez manifestou que esta proposición non de lei “recolle as demandas non só dos empregados directos de AENA, senón do conxunto dos traballadores que teñen o seu posto no aeroporto compostelán”.
María Antón manifestou que o Aeroporto de Lavacolla “é unha referencia no tráfico aéreo en Galicia, xa que supón o 55 por cento do tráfico galego, e vemos como ano tras ano vai gañando peso, unha importancia que debe vir acompañada de máis e mellores servizos tanto para os usuarios como para os propios traballadores da terminal”.