O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita a posta en marcha o antes posible do Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 co fin de abordar os principais desafíos aos que se enfronta o sector, en coordinación coas administracións e da man do sector.
A deputada popular Felisa Rodríguez explicou que o sector do comercio galego abrangue máis de 32.000 establecementos comerciais, un feito que sitúa a Galicia na quinta posición entre as comunidades autónomas con maior número de empresas de comercio retallistas, empregando a preto de 107.000 persoas.
“O Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030 é unha folla de ruta que naceu do consenso colectivo e da escoita e as achegas do sector”, salientou a deputada popular, que apuntou que “se vertebra en 16 medidas que se concretan en 74 accións específicas, para as que se destinarán nos vindeiros seis anos 320 millóns de euros”.
En concreto, un primeiro eixo deste plan vai dirixido á mellora da competitividade, co impulso da dixitalización, a modernización dos espazos comerciais, o incremento da capacitación profesional, o impulso do emprendemento e a continuidade dos negocios viables ou a remuda xeracional.
En segundo lugar, fomentarase unha maior visibilización do comercio, a través de figuras clave como os centros comerciais abertos, as prazas de abastos, o comercio ambulante ou os obradoiros artesanais.
Por último, en terceiro lugar, potenciarase a colaboración institucional e a gobernanza, coa creación da nova Mesa do Comercio Galego; a cooperación con entidades como a Federación Galega de Municipios e Provincias, as cámaras de comercio e os recintos feirais; ou o reforzo do labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras.