Santiago, 16 de marzo de 2021.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que dea unha solución urxente ao bloqueo actual da comercialización das capturas de marraxo.
“A frota galega cumpre escrupulosamente todas as esixencias, pero o Goberno central insiste en atacar ao mesmo sector pesqueiro ao que debería defender, esixíndolle condicións mais duras que aos seus competidores”, sinalou o deputado popular Alberto Pazos.
Na súa intervención, Pazos afirmou que “a frota de palangre galego está a sufrir graves problemas económicos pola decisión do Goberno de España de impedir a venta de 90 toneladas de marraxo, capturadas cumprindo estritamente toda a legalidade nacional e internacional”. “Esta situación está a verse agravada pola actitude contumaz do Goberno de España, autolimitando as capturas desta especie por debaixo do TAC permitido polas autoridades internacionais”, apuntou.
MEDIDAS DE PROTECCIÓN
Alberto Pazos explicou que “o marraxo foi incluído en agosto 2019 no catálogo de especies ameazadas, polo que goza de distintas medidas de protección, tanto na súa captura como na súa comercialización, como a prohibición do finning, a redución do total admisible de capturas e a esixencia do certificado pola Secretaría Estado de Comercio para a súa comercialización”.
“A frota galega cumpre escrupulosamente todas estas esixencias, pero o Goberno central continúa a practicar o hooliganismo conservacionista e poñendo en risco o traballo de 120 barcos e máis de 850 tripulantes por culpa da súa intolerancia e falta de sensibilidade social”, lamentou.
Neste sentido, lembrou que “recentemente o Goberno de España foi desautorizado polo comisario de Medio Ambiente, Océanos e Pesca, quen, a pregunta do eurodeputado popular Millán Mon, asegurou que a prohibición da venda e retención do marraxo leva un quebranto económico para a frota e non ten demostrado beneficios ambientais”.