Santiago, 11 de marzo de 2022.- O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España a elaboración dun proxecto estratéxico para a recuperación e a transformación económica (PERTE) para o sector cultural, ao ser este un sector que está en liña cos obxectivos destes instrumentos.
O deputado popular José Luís Ferro manifestou que “a cultura galega non se pode entender dun xeito illado”, polo que considerou “imprescindible que o Goberno de Pedro Sánchez afronte as súas responsabilidades e poña en marcha un plan de choque que teña en conta as singularidades do sector”.
“Non se pode dar resposta ás necesidades da cultura con políticas que non están deseñadas específicamente para elas”, sinalou Ferro, quen cualificou de “fundamental que se poña enriba da mesa un PERTE cultural, tendo en conta o carácter estratéxico da cultura dentro da economía galega”.
CARÁCTER ESTRATÉXICO E CENTRAL
Este PERTE cultural deberá recoller e impulsar o carácter estratéxico e central que ten a cultura e España, ao tempo que recoñeza o peso específico da cultura na economía e contribúa ao seu fortalecemento. “Ferramentas como os PERTE, que xa se están levando a cabo noutros sectores, deben chegar tamén á cultura, un ámbito que ten demostrado a súa resiliencia e o seu peso na actividade económica do país”, apuntou.
José Luís Ferro subliñou que “o sector cultural quere mellorar a súa competitividade e sostenibilidade, por iso a creación dun PERTE é moi necesario para conseguir a transformación dixital, o reforzo dos procesos de creación e produción e favorecer a distribución e a internacionalización da cultura galega”.
“É crucial un reparto equilibrado dos fondos dispoñibles entre todos os sectores, por iso Galicia está disposta a colaborar na elaboración dun PERTE cultural, creando así unha estratexia conxunta a nivel estatal que dea continuidade ao traballo que xa se vén realizando na Comunidade galega”, afirmou.