26 de abril de 2023. O Parlamento de Galicia aprobou hoxe por unanimidade a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita ao Goberno de España que adopte as medidas de reforzo necesarias para superar, de xeito inmediato, as deficiencias apreciadas nos servizos de atención á cidadanía da Seguridade Social, de tal xeito que se garanta un servizo público efectivo e de calidade.
Na mesma iniciativa, pero sen o apoio dos deputados do PSdeG, tamén se pide que habilite un protocolo específico, á imaxe do que ten en marcha a Xunta de Galicia, para a atención administrativa xeral e preferente das persoas maiores de 65 anos, orientado a proporcionar unha atención máis personalizada, ademais de apoiar a súa independencia.
O deputado popular Fernando Pérez manifestou que “os galegos máis vulnerables son os que están realmente a padecer o colapso do Instituto Nacional da Seguridade Social, da Tesourería Xeral da Seguridade Social e do Ministerio, en xeral”. En concreto, subliñou que “especialmente grave é a situación das familias con poucos ingresos e que ven como, por un colapso administrativo, a tramitación da súa solicitude de prestación se retrasa moitos meses”.
TRASPASO INGRESO MÍNIMO VITAL A GALICIA
Na súa intervención, saudou que o Goberno central aprobara en 2020 o decreto que regula o ingreso mínimo vital, “unha cobertura semellante á que os galegos xa gozaban desde hai 29 anos”. Porén, lamentou que os beneficiarios desta axuda “se atoparon con que as oficinas da Seguridade Social estaban colapsadas, de xeito que, desde entón, non só o salario mínimo vital, que é unha axuda de emerxencia social e urxente, senón calquera prestación resulta case imposible solicitala, e logo que sexa resolta nun prazo razoable”.
“Os máis vulnerables son os que necesitan con maior rapidez a tramitación e o cobro deste ingreso mínimo vital, tendo en conta ademais que son os máis afectados pola brecha dixital e o acceso ás novas tecnoloxías, única vía que lles queda para solicitar esta e outras prestacións porque a tramitación presencial está colapsada e existen incluso venta de quendas por internet”, engadiu o deputado popular.
Para rematar, Fernando Pérez manifestou que “a Xunta leva máis de un ano agardando que o Goberno de Pedro Sánchez cumpra o compromiso de trasladar ao Goberno galego a xestión do ingreso mínimo vital, para poder rematar con esta saturación ofrecendo unha máis áxil e mellor tramitación, dando cobertura a toda esa xente que o necesita e evitar solapamentos e duplicidades”.