Santiago, 21 de marzo de 2018.- O Parlamento galego aprobou hoxe a proposición non de lei do Grupo Popular a través da que se solicita aos grupos parlamentarios nas Cortes Xerais para que contribúan a facilitar a tramitación, o debate e a aprobación en prazo dos orzamentos xerais do Estado para 2018. O portavoz popular, Pedro Puy, afirmou que “sería positivo que se aprobaran as contas xerais para a estabilidade política, beneficiaría a Galicia e por razóns democráticas”.
Pedro Puy demandou “responsabilidade” aos grupos do Congreso e avogou pola “capacidade da negociación política”. “A oposición pode negocialo, pactalo e sacar adiante algunha das políticas que propón, pero non pode bloquear o orzamento porque ao final quen paga as consecuencias son os cidadáns, que xa teñen padecido moito nos últimos anos coa crise económica”, indicou.
Na súa intervención, o portavoz popular explicou que a aprobación dos orzamentos “sería bo para a estabilidade política, porque se hai algo que impregna todo procedemento orzamentario é a regularidade”. “Aprobar os orzamentos da un sinal aos investidores, tanto nacionais como estranxeiros, de estabilidade e de seguridade; unha imaxe que mellora a reputación de España a nivel internacional; e é un instrumento que reforza o crecemento do PIB e a creación de emprego”, apuntou.
Porén, lamentou que no Congreso dos Deputados “se dea unha situación diabólica, cunha maioría en contra dos orzamentos pero non a favor duns orzamentos alternativos aos presentados polo Goberno”.
Puy concretou, en base a anuncios xa realizados polo Goberno central, que os orzamentos para 2018 incorporan unha suba dos soldos dos empregados públicos do entorno do 8 por cento en tres anos; unha rebaixa do IRPF ás rendas máis baixas; a suba do mínimo exento para a presentación da declaración da renda; bonificacións ás escolas infantís; unha semana máis no permiso de paternidade; axudas ás mulleres autónomas que afrontan a maternidade; a cobertura dos accidentes in-itinere dos autónomos; e a baixada do IVE cultural.
En segundo lugar, Pedro Puy afirmou que os orzamentos serían “beneficiosos para Galicia, nun momento no que a economía galega está medrando ben e creando emprego, a confianza dos consumidores se incrementou considerablemente no último ano e moitísimo desde 2012, é a comunidade autónoma na que máis baixa o paro; ao tempo que se incrementan os afiliados á seguridade social”.
Así mesmo, dixo que “Galicia tamén se xoga moito polas entregas á conta, estando en suspenso 321 millóns de euros mentres non se aproben os orzamentos; ou pola suba das pensións mínimas e de viuvez, a metade das pensións que se cobran en Galicia, entre outras cuestións relacionadas coas infraestruturas ou a creación de emprego”.
Para rematar, Puy indicou que “a aprobación anual dos orzamentos está fundamentada en razóns democráticas sólidas para evitar desviacións e reforzar ao lexislativo fronte ao executivo”. “Estamos a falar de incrementar a transparencia e a capacidade de control do Goberno, nun exercicio económico pechado que permite a rendición de contas perante a cidadanía”, engadiu.